Unha campaña municipal a pé de rúa informará sobre os usos dos puntos limpos móbiles

A carpa e o remolque para desbotar os distintos tipos de residuos contaminantes ou reciclables pasarán pola Praza de Galicia, o Mercado de Nadal e o Fexturrón entre o 3 e 20 de decembro

Plaza de Galicia Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A Praza de Galicia será un dos putnos polos que pase este servizo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía pon en marcha esta fin de semana unha campaña informativa e de sensibilización sobre a reciclaxe centrada na recollida de aceite de cociña e no uso dos novos puntos limpos móbiles adquiridos polo Concello para facilitar aos veciños o depósito de pequenos enseres e elementos contaminantes de forma que poidan ser reciclados e xestionados convenientemente. Unha carpa informativa e un dos remolques que funcionan como punto limpo pasarán pola Praza de Galicia, o Mercado de Nadal e o Fexturrón nos vindeiros días para informar á poboación sobre o correcto uso destes dous sistemas de recollida e concienciar sobre a necesidade de coidar o medio ambiente reciclando todo tipo de residuos.

A iniciativa promovida pola Concellería de Obras e Servizos porase en marcha o sábado, 3 de decembro, coa instalación da carpa e un dos puntos limpos móbiles na Praza de Galicia entre as 11 e as 14 horas. O día 7 e o 17 estarán no Mercado de Nadal, o 10 e o 14 no Fexturrón (en Fexdega) e rematará o día 20, de novo na Praza de Galicia.

Ademais de amosar como son os puntos limpos móbiles, informar dos lugares e os días nos que estarán en cada lugar e parroquia do municipio, e do tipo de residuos que se poden desbotar neles, o stand tamén ofrecerá información sobre a reciclaxe do aceite usado de cociña e sobre os beneficios que para o medio ambiente ten esta práctica. Repartiranse trípticos informativos e, para facilitar o depósito do aceite nos contedores específicos, na campaña repartiranse 10.000 funís con rosca para axustar aos recipientes nos que se almacena o aceite nas casas. Para incentivar e concienciar sobre esta práctica, os funís levan impreso o lema "Nin unha gota ao mar. Recicla o aceite de cociña".

A distribución deste material promocional xa se iniciou a semana pasada con reparto nos centros educativos de Infantil e Primaria, nos centros socioculturais das parroquias, na Praza de Abastos, no Auditorio e no Concello. Os restantes poranse a disposición dos usuarios na carpa de reciclaxe.

Para o desenvolvemento desta campaña, o Concello conta coa colaboración da empresa Baygar, que levará ao stand un punto móbil similar aos adquiridos polo Concello a esta mesma empresa, e tamén de Green Ambiental, a concesionaria do servizo de recollida de aceite usado, que proporcionará material informativo.

Integración socio laboral

A maiores da finalidade medio ambiental, a campaña tamén ten unha vertente integradora e de inclusión socio laboral, xa que para a atención da carpa informativa, contratouse á asociación BATA, polo que serán usuarios e monitores do colectivo de atención a persoas con autismo os que se encargados de atender o stand.

Para o desenvolvemento desta campaña o Concello conta cunha subvención concedida pola Consellería de Medio Ambiente e cofinanciada cos fondos europeos Next Generation.