A Camelia, unha flor "100% Rías Baixas" para desestacionalizar o turismo

Vilagarcía acolleu na fin de semana o certame e exposición internacional desta flor
Luis López durante o certame da camelia de Vilagarcía. DS
photo_camera Luis López durante o certame da camelia de Vilagarcía. DS

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o poder desestacionalizador e atractivo turístico da camelia para as Rías Baixas na inauguración da edición número 59 do certame e exposición internacional desta flor que tivo lugar este sábado en Vilagarcía, unha das tres cidades que acollen anualmente e de xeito rotativo, xunto a Pontevedra e Vigo, un concurso que atrae os mellores produtores de Galicia e do Norte de Portugal e que non recalaba na capital do Salnés desde o ano 2019 por mor da pandemia da covid-19. “Ademais de embelecer os nosos xardíns, enriquecer os nosos tés e sanar as nosas árbores, a camelia dinamiza o noso turismo”, afirmou Luis López, quen convidou a toda a cidadanía da provincia a achegarse a Vilagarcía para contemplar a enorme variedade que existe na provincia dunha “flor 100 % Rías Baixas”.

O dirixente provincial fixo fincapé na capacidade desta flor para dinamizar o turismo na provincia en temporada baixa. “Neste final de inverno, a camelia fai florecer as Rías Baixas e atraen cada ano a máis amantes desta flor”, destacou Luis López, quen destacou tamén o interese botánico do Castelo de Soutomaior, que oferta estes días unha ruta específica polos seus xardíns centrada na camelia. 

Nun acto no que participaron o alcalde e a concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela e Sonia Outón; así como Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, organismo dependente da Deputación; Luis López definiu a camelia como “un símbolo co que nos sentimos profundamente identificados” e salientou tamén que ademais do seu carácter ornamental, a camelia das Rías Baixas serve tamén como materia prima para elaboración de tés ou tratamentos para previr a enfermidade das castiñeiras. 

“A camelia é nosa, é patrimonio natural da nosa provincia, unha forma de vida para moitos afeccionados e profesionais da xardinería e, en definitiva, un produto 100 % Rías Baixas”, concluíu o presidente da Deputación.