Os bonos ‘Son da Casa!’ de Vilagarcía, a piques de esgotarse en tempo récord

O uso dos bonos ‘Son da Casa!’ limítase a pequenos establecementos emprazados en Vilagarcía e que se teñan adherido á campaña
Un dos establecementos adheridos á campaña 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un dos establecementos adheridos á campaña 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os 3.750 packs dos Bonos Son da Casa! postos en circulación polo Concello de Vilagarcía con motivo do Nadal están a piques de esgotarse cando aínda non se cumpriu unha semana do inicio da campaña. Durante a mañá de onte tan só quedaban dispoñibles para a venta online pouco máis de 400 lotes, polo que a previsión é que queden liquidados esta fin de semana. Malia todo, as persoas que non se manexen coas novas tecnoloxías ou carezan de medios para facer a compra a través da plataforma sondacasa.vilagarcia.gal, terán a oportunidade de adquirilos na venta física programada para o sábado, 16 de decembro, na Praza de Galicia, grazas aos 250 packs reservados de antemán para garantir o acceso de todas as persoas aos cheques-compra subvencionados polo Concello.

O uso dos bonos Son da Casa! limítase a pequenos establecementos emprazados en Vilagarcía e que se teñan adherido á campaña. Na actualidade hai 250 locais comerciais de distintas ramas, negocios de prestación de servizos, bares e restaurantes, o que permite gastalos nunha gran variedade de cousas. A lista completa pode consultarse na mesma web da campaña. Pero, ademais, os locais participantes deben identificarse colocando en escaparates ou portas o identificativo da campaña en curso, que poden pasar a recoller nas dependencias do Concello. Trátase da sexta edición da campaña e, como nas anteriores, o Concello aporta 37.500 euros para financiala