O BNG de Vilagarcía aposta por un cerramento exterior do refuxio para convertelo en parque canino

Xabier Rodríguez Paz, e outros candidatos BNG, mantiveron un encontro coa Asociación Protectora de Animais de Vilagarcía nas instalacións que xestiona en Pinar do Rei
A visita ao refuxio. DS
photo_camera A visita ao refuxio. DS

O candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía, Xabier Rodríguez Paz, e outras persoas da candidatura que a organización nacionalista presentará na próxima cita de eleccións municipais, vén de manter un encontro coa representación da Asociación Protectora de Animais de Vilagarcía na instalación que esta xestiona en Pinar do Rei para constatar de primeira man a situación que afronta esta entidade sen ánimo de lucro que se dedica a recoller animais en situación de abandono, desamparo ou maltrato, tratando de darlles unha vida digna e de encontrar un fogar responsábel que os poda adoptar. Unha asociación, con preto de 30 anos de traxectoria, que naceu da preocupación, o traballo e a ilusión de persoas sensíbeis ás penosas condicións de vida e á sorte dos animais abandonado, desenvolvendo así un labor absolutamente imprescindible na protección dos animais.

Na visita, constatouse a mellora que supuxo a mudanza as novas instalacións, 2014, nun refuxio que acolle a cans e gatos do municipio, ademais daqueles expresamente autorizados polo Concello ou nunha situación temporal por mandato xudicial. Malia e todo, á par das necesidades a respecto das adopcións, a grande lousa que soporta esta asociación é o financiamento da súa actividade que hoxe gravita sobre cativas subvencións oficiais, cotas de apadriñamento, o tradicional mercadiño benéfico, ou a doazón en especies de pensos, produtos de limpeza e area por parte de establecementos comerciais. Por iso, precísase unha máis grande achega de recursos municipais que contribúan a esa outra labor: o seguimento das colonias felinas que hai en distintos puntos da cidade, que contan cunha serie de protocolos destinados a manter o control e detección de novos exemplares non esterilizados e dunha correcta alimentación compatible, ademais, coa salubridade das rúas.

Compartimos coa Protectora a proposta de cerramento do espazo exterior ao refuxio que permitiría cumprir a función dun parque canino, unha nova ordenanza municipal que desenvolva aspecto da Lei de Benestar Animal, incluída a obrigatoriedade de dotas ás mascotas do seu correspondente “chip” identificador coa fin de localizar aos seus donos en canto se produce unha desaparición fortuíta; a conveniente esterilización, evitando problemas non desexados, pero tamén por tratar a estes animais como o que son, e non como xoguetes que se poidan deixar abandonados en calquera momento.