A Biblioteca exhibe unha mostra de documentos históricos do Arquivo Municipal

Entre o material exposto hai un libro de actas de Plenos do século XIX e folletos das festas patronais de 1958
Documentos do Arquivo Municipal de Vilagarcía. DS
photo_camera Documentos do Arquivo Municipal de Vilagarcía. DS

Con motivo do Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora o 9 de xuño, a Biblioteca Municipal de Vilagarcía organiza unha pequena mostra sobre os documentos históricos preservados no Arquivo Municipal do Concello de Vilagarcía. A iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer a importancia do Arquivo Municipal (emprazado no consistorio de Ravella) e a estreita relación que estes servizos gardan coas bibliotecas. A exposición pode visitarse ata o 21 de xuño na zona de recepción do novo centro da rúa Castelao.

O material documental exposto é unha pequena mostra dos fondos que contén o Arquivo Municipal. Entre as curiosidades que se amosan están un libro de actas de Pleno dos anos 1838 a 1841, un proxecto de 1873 para conectar a estación de ferrocarril de Carril co peirao, o expediente de inauguración do Parque da Compostela (1929) ou o expediente de obra da vivenda de Agustín Padín.

Tamén se poden admirar folletos das festas patronais de 1958 e de publicidade das salas de cine de Vilagarcía, varias postais antigas con imaxes da cidade e folletos das primeiras edicións de Fexdega e do primeiro Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vilagarcía (do ano 1986) do fondo de Víctor Viana.

Con esta mostra búscase dar a coñecer e divulgar a existencia de entes públicos como son os arquivos, destacando a súa importancia na conservación e difusión do patrimonio histórico e documental.