Como chegas ao xornalismo?
En Santiago, estudei graduado social. Non tiña na mente dedicarme ao xornalismo porque non tiña vocación definida, nin había facultade en Galicia; pero en 1984 celebrouse o Centenario do nacemento de Julio Camba e o concello de Vilanova de Arousa convocou un premio literario. Gañei no apartado de afeccionados e o de profesionais déronllo a Antonio Odriozola, un home moi querido en Pontevedra. A ese Centenario veu Miguel Utrillo, que era o secretario da Asociación Julio Camba de Madrid e el foi quen me guiou sobre o tema de estudar a figura de Camba. Eu xa entrevistara a quen fora a cociñeira de Camba. Pero despois de gañar ese premio, en El Correo Gallego propuxéronme ser correspondente en Vilanova de Arousa. De aí pasei a traballar para El Correo en Vilagarcía e no 1986 chamáronme para traballar en Santiago na sección de Comarcas/Mar e investigamos o tema do furtivismo marisqueiro, estabamos nunha época de transicion sobre a protección da nosa riqueza marisqueira. Traballando neses temas andaba eu cando ocorreu a catástrofe do Casón, cando o buque encallou en Fisterra cunha carga perigosa que nunca se soubo moi ben de que tipo de carga se trataba.

Aproveitando que Elisa Lois e mais eu éramos de aquí, da comarca do Salnés, empezamos a tratar o tema do contrabando/narcotráfico e no 1990, o Grupo Prisa concedeunos o Premio Ortega e Gasset de xornalismo a un equipo formado por Elisa Lois, José Antonio Pérez, Alfonso Freire e un servidor. Foi algo moi importante para o xornalismo galego. Seguín traballando no tema do narcotráfico en Arousa, pero en 1991 marchei a Pontevedra co Xornal Diario, dirixido por Javier Sánchez de Dios, que acabou nun fiasco empresarial. Sánchez de Dios levóume logo para o Faro de Vigo, xunto con Jose Luiz Oubiña, e en 1993 montamos a edición de Arousa do Faro.
Uns anos despois, pedín unha excedencia porque pensaba escribir algún libro; pero axiña me propuxeron poñer en marcha, a finais do 2000, o gabinete de prensa do Concello de Cambados. Estiven 3 anos de excedencia e no terceiro ano tiña que decidir se seguía en Cambados dirixindo unha revista que se tirou durante case dez anos. Quedei en Cambados, pero a pesar de apostar polo periodismo institutcional, eu seguín colaborando con El Correo Gallego.
E xa case ao final da túa carreira periodística, Julio Camba volve a ti…
Ou eu volvo a Julio Camba porque no ano 1999 volvín presentarme ao certame Julio Camba de periodismo, pero desta vez como profesional e recibín o premio, asi que dalgunha maneira pechei un círculo. No 2004 publiquei Planeta Arousa que foi un resume do meu traballo no Correo e no Faro. Despois de deixar Cambados en 2015, propuxéronme poñer en marcha o gabinete de comunicación do Consello Consultivo de Galicia. Veño de rematar ese traballo e xa só penso na xubilación. Claro que no 2020 nomearonme Cronista Oficial de Vilanova de Arousa, un cargo honorífico que un pouco foi volver ás raíces vilanovenses. E no 2022 publiquei Julio Camba, un nudista en Vilanova (Teófilo Edicións), un libro que é unha biografía chea de documentos gráficos preciosos.

Que é ou como é o Planeta Arousa?
O Planeta Arousa é unha comarca moi especial onde ocorren cousas incribles. Se cadra é unha das comarcas máis visitadas por xornalistas de toda España e mesmo de moitos países europeos. Quizás o mundo do narcotráfico atraeu o interese xornalistico, pero iso tamén mesturado coas catástrofes medioambientais xeneradas por buques como o Casón ou o Prestige… Pero hai moito que falar en positivo desta comarca. Por exemplo, non hai moitos lugares que poidan presumir do enorme número de artistas que temos nesta comarca. Por suposto que prefiro ese aspecto de Arousa. En Cambados temos a Paco Leiro e a Manolo Paz que son dous escultores vangardistas de enorme proxección nacional e internacional. Temos escritores dun nivel incrible como Cela, Cabanillas, Camba, Valle-Inclán. E tantos pintores e músicos que xenerou e xenera esta comarca. Moitas veces non sabemos valorar a importancia da xente que nos rodea.
Como son os arousanos?
O arousano é un pouco ácrata, sobre todo nas últimas décadas do século XX. Son persoas que non se conforman cunha soa actividade e non son profesionais dunha cousa específica. Se cadra porque levamos no sangue esa filosofia do “ir tirando”. Adoitamos ter máis dunha actividade, traballamos hoxe aquí e mañá aló. Certo que o mundo do mexillón está moi profesionalizado e o marisqueo tamén; pero teño eu ese recordo de que en Arousa somos non profesionais, senon aventureiros. Eu coñecín xente que emigraba para construir unha casa. Cando xuntaban cartos en Alemania ou Suiza para construer a casa aquí, entón xa volvían para dedicarse a outras cousas por aqui: construción, pesca, etcetera.
E ti como es?
Unha persoa con curiosidade por entender a vida. Non son ambicioso, gústame coñecer o mundo onde vivo e buscar o sentido da vida.
Solpor.
Un lugar?
Vilamaior-Vilanova (onde naceu Julio Camba)
Unha persoa?
Marta, a miña filla.
Unha personaxe?
Julio Camba.
Alguén importante?
Paco Leiro.
Unha cousa?
Unha cámara de fotos (mellor analóxica)
Alguén imprescindible?
Marta de novo, pero se non podo repetir, Rafa Nadal porque me gusta moito o tenis.
Que é a vida?
Unha búsqueda permanente dun sentido, dun lugar, dunha forma de afrontala.