O Banco do Tempo estará este sábado na Praza de Galicia de Vilagarcía

Trátase dun servizo para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral mediante o intercambio de servizos non profesionais, habilidades e coñecementos que teñen como único valor de intercambio o tempo
A iniciativa está destinada a aumentar o benestar da cidadanía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A iniciativa está destinada a aumentar o benestar da cidadanía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Banco de Tempo posto en marcha pola Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía leva a cabo este sábado, 17 de setembro, unha campaña informativa mediante a instalación dunha carpa na Praza de Galicia. Persoal de O Soño de Lilith, asociación á que se lle encargou a xestión deste servizo municipal, explicará ás persoas que o desexen o funcionamento do Banco de Tempo e as avantaxas que supón participar nesta experiencia socio comunitaria e de conciliac ión para o intercambio puntual de tarefas e servizos non profesionais. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse na carpa que funcionará de 11.30 a 13.30 horas.

O Banco de Tempo é un mecanismo para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral mediante o intercambio de servizos non profesionais, habilidades e coñecementos que teñen como único valor de intercambio o tempo. Trátase dun recurso para mellorar a calidade de vida da cidadanía, que fortalece as redes veciñais e de solidariedade. Baséase na posta en contacto de persoas que ofrecen e demandan servizos ou coñecementos para a realización dalgunha actividade puntual, como recoller á crianza na escola, acompañar a unha persoa maior, traducir un texto, unha carta, acompañar a un trámite administrativo... Por estes servizos non se recibe contraprestación económica algunha, senón que se gañará tempo que se pode inverter noutros servizos que se precisen nese momento ou noutro calquera. Tamén hai a posibilidade de emprestar ferramentas e utensilios. 

A área de igualdade do Concello de Vilagarcía puxo en marcha este proxecto dentro dos fondos europeos asignados ao programa Vilagarcía Avanza e poden formar parte del todas as persoas maiores de idade que o desexen.

Ademais deste sábado, pódese obter información ou inscribirse nas dependencias da Área de Igualdade os martes de 16.00 18.30 horas e os xoves de 11.00 a 13.30 horas. Tamén se pode facer chamando ao teléfono da área, 986 099 200 ext 102 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo [email protected].