Ballet, fotografía e literatura conforman a oferta cultural deste venres no municipio

O vilagarcián Ramón Encisa expón na sala Rivas Briones as súas fotografías sobre a natureza que nos rodea ▶ Clara Pino presenta o poemario Fenomeno Fan ▶ A velada cobra ambiente de Nadal coa representación do ballet clásico O Cascanoces interpretado polo Ballet de Kiev

Ballet de Kiev. BALLET DE KIEV
photo_camera Ballet de Kiev. BALLET DE KIEV

A fin de semana chega a Vilagarcía cargada de actividades culturais diversas e aptas para todo tipo de gustos. Ballet clásico, fotografía sobre a natureza e poesía son as temáticas das tres propostas das que os vilagarciáns poderán gozar este venres, 16 de decembro, sen saír da cidade e dúas das cales teñen como protagonistas a veciños da cidade.

A primeira destas é a exposición Fotonatureza que Ramón Encisa inaugura ás 20.30 horas na Sala Antón Rivas Briones. Este vilagarcián afeccionado á fotografía dende hai anos e amante da natureza, selecciona algunhas das súas mellores imaxes para amosalas nesta mostra que invita a reparar máis nas pequenas marabillas que a natureza ofrece e que, na maioría dos casos, están ao noso redor. Mariposas, paxaros, flores, fungos, insectos… un mundo cheo de cor, formas sorprendentes e infinita beleza que Encisa captou dedicando horas á observación a través do obxectivo da súa cámara.

Á mesma hora pero na sala de conferencias do Auditorio, Clara Pino, deixa por un momento a faceta musical para presentar o poemario Fenómeno Fan, unha obra que ilustra o pintor Xavier Magalhaes. A entrada a este acto é libre e de balde ata completar aforo.

E para rematar a xornada, o Auditorio acolle a partir das 21.00 horas a actuación do Ballet de Kiev que porá en escena O Cascanoces, unha obra tipicamente destas datas e que conta co atractivo da música de Tchaikovshy. E por si fora pouco, esta representación ten un punto solidario xa que por cada entrada vendida a promotora do espectáculo doará 1,5 euros á Unicef ara apoiar o traballo que a ONG está a desenvolver en Ucraína protexer á infancia e ás familias afectadas pola guerra. As entradas para esta función pódense adquirir a través de www.ataquilla.com ao prezo único de 21 euros (máis custes de xestión). De non esgotarse antes, tamén na billeteira do Auditorio a partir das 19.00 horas.