O Atlantic Fest, "un símbolo da provincia e das potencialidades das Rías Baixas"

Dende a Deputación de Pontevedra revalidaron o seu compromiso co festival de Vilagarcía de Arousa, que será entre o 20 e o 23 de xullo
O deputado provincial na presentación do Atlantic Fest. DS.
photo_camera O deputado provincial na presentación do Atlantic Fest. DS.

Un ano máis volve o Atlantic Fest e a Deputación de Pontevedra revalida o seu compromiso con este festival que terá lugar entre o xoves 20 de xullo e o domingo 23, no marco do Rías Baixas Fest. Neste sentido, o deputado provincial Marcos Guisasola declarou na presentación do evento a súa importancia como "símbolo desta provincia, que pon Vilagarcía e Pontevedra no mapa e impulsa a economía desta cidade, comarca e provincia". Neste acto tamén se atopaban o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a co-directora do Atlantic Fest, Susana Laya; a directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Begoña Mesejo; e os representantes de Mahou San Miguel, Bodegas Martín Códax e a Fundación Paideia. 

Guisasola recalcou que hay que traballar "xuntas e xuntos" para potenciar a industria cultural e turística, xa que "Atlantic Fest amosa unha ampla oferta das potencialidades do destino Rías Baixas, dende a música, ata os valores culturais, paisaxísticos, madioambientais e gastronómicos". 

Este festival celebrado na praia da Concha reuniu o ano pasado a milleiros de persoas. É un evento que combina música e gastronomía e mantén un compromiso co respecto á contorna natural. Nesta sétima edición algúns dos artistas que se poderán ver e escoitar son Leiva, Viva Suecia, Sidecars, Sidonie... entre moitos outros.