A Asociación Anduriña celebra o sábado as súas vodas de prata con musica e unha exposición

Varias mulleres do colectivo cantarán acompañadas ao acordeón por David Álvarez Caneda. Será no local parroquial a partir das 19.30 horas ▶ A celebración rematará cun viño español e un aperitivo na Casa da Cultura, onde tamén se exhibirán algúns dos traballos e manualidades realizadas polas socias

Unha actuación da Asociación Anduriña de Sobradelo, en Vilagarcía. DS
photo_camera Unha actuación da Asociación Anduriña de Sobradelo. DS

A asociación de mulleres rurais Anduriña de Sobradelo vístese de festa o sábado, 25 de marzo, para celebrar as súas vodas de prata. Con motivo deste aniversario, o colectivo organiza unha serie de actividades coas que celebrar e compartir cos veciños da parroquia estes vinte cinco anos de vida. Unha actuación musical no salón parroquial e unha exposición na casa da Cultura conforman a celebración na que non faltará un viño español co que brindar por moitos anos máis de actividade. O alcalde, Alberto Varela, acudirá a felicitar ás integrantes da asociación.

Os actos comezarán ás 19.30 horas no local parroquial, onde un grupo de mulleres da asociación interpretará varias cancións acompañadas polo acordeonista David Álvarez Caneda. Tras a actuación, os presentes desprazaranse ata o centro socio cultural, situado a poucos metros, onde a asociación ten organizada unha exposición con fotografías que recollen a historia do colectivo ao longo destes 25 anos, e tamén con algúns dos traballos realizados polas mulleres nos distintos cursos e actividades que desenvolven ao longo do ano, como pezas de ganchillo ou colares. No mesmo centro, a asociación Anduriña convidará aos presentes a un viño español e a un aperitivo.

Aínda que foi hai dous anos cando Anduriña cumpriu os 25 anos, debido á pandemia a asociación decidiu pospoñer a celebración, que finalmente terá lugar este sábado e sen ningún tipo de restricións, de xeito que todos os veciños de Sobradelo que o desexen, así como os de outras zonas da vila, poidan compartir este momento.