O arranxo dun afundimento na Avenida Rosalía de Castro obriga a realizar cortes a partir do martes

Os traballos desenvolveranse á altura do cruce dos semáforos que dan acceso a Trabanca Sardiñeira e o tráfico regularase de forma intermitente en cada sentido da circulación mediante semáforos de obra
O Concello informou de que a ralización dos traballos é urxente. DS/ARQUIVO
photo_camera O Concello informou de que a ralización dos traballos é urxente. DS/ARQUIVO

O Concello de Vilagarcía advirte aos condutores de que a circulación do tráfico rodado pola avenida Rosalía de Castro será lenta e sufrirá retencións a partir do vindeiro martes, 29 de setembro, con motivo das obras que se van a realizar na calzada. Os traballos localizaranse á altura dos semáforos do cruce que dá acceso a Trabanca Sardiñeira e o tráfico regularase de forma intermitente en cada sentido da circulación mediante o uso de semáforos de obra.

A realización dos traballos é necesaria e urxente xa que se detectou un afundimento de parte da plataforma da calzada que se foi agravando nos últimos días, de aí que sexa necesario actuar canto antes. Os traballos axilizaranse ao máximo de xeito que o tráfico por esta importante arteria circulatoria poida volver á normalidade coa maior brevidade posible.

En calquera caso, sempre que sexa posible, o Concello recomenda que a partir do martes se evite utilizar esta vía, e se opte pola alternativa da circunvalación norte.