Andrea F. Maneiro “Vou polo mundo roubando cousiñas miúdas que son a esencia de todo”

A escritora e fotógrafa carrilexa divaga pola súa "traumática" infancia nun colexio de monxas, a sua paixón pola escritura ou a súa experiencia no ámbito radiofónico
photo_camera Andrea Fernandez Maneiro para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A miña historia
Son de Carril, “afogha cristos!”. Para min identificarme é fundamental, un xeito especial de estar na vida. E a miña vida é a daquelas rapazas a quen os pais lles marchan ao estranxeiro. A emigración dos que quedan. Ademais, son o resultado dun colexio de monxas que é unha cousa que marca moito na vida. Levo máis de media vida tratando de desfacerme do que fixeron comigo nun colexio de monxas: baleirar a aquela nena de todo o que cre, e de todo o que é, para convertila no que elas querían. É algo polo que pasaron moitas e seica hai outras moitas que están felices; pero no meu caso foi unha experiencia traumática que marcou todo o que quería ser. Creou en min o que se chama “crime do impostor”, no meu caso “da impostora”. Eu cría que todo o que facía estaba mal feito e que cando estaba ben feito era mérito dos outros, Ai!

Con ese salaio que acabas de botar, se cadra dasnos un respiro e… podes levarnos a unha das túas esencias sen traumas?.
Escribir. Escribir poesía. Empecei a escribir moi cedo e para desfacerse de min, porque falaba día e noite, miña avoa lanzoume ao colexio onde pensaba que non ía facer nada e cando se decataron esta nena escribía e lía. De cativa, cando non tiña que ler, lía o que caese nas miñas mans, dicionarios incluidos. Cando os meus pais marcharon a Francia, polas noites antes de durmir, no cuarto coa miña irmá, eu inventaba contos. Ela lembra iso. Os meus contos se prolongaban ao longo das noites. “Migratoria” foi o libro de poemas no que contei a emigración desde o punto de vista dos que quedamos. Dos que perdemos casa, pais, contorna… porque imos coa tía ou coa avoa como foi o meu caso: ela foi unha muller rexa, referente para min, e coidoume como unha nai.

Escribir poemas e facer fotos para respirar?
Si. Pero tamén che digo que se a fotografía chegara á miña vida antes é posible que se puxera por riba da poesía. A fotografía, ao final, é poesia e eu trato de unilas no que fago e no que son porque as dúas o que fan é capturar pequenas cousas da vida que poden pasar desapercibidas. Eu son moi de cousas pequeniñas. A min as persoas válenme polas cousas miudas. As cousas grandes que se ven nos xornais e por aí, a min esas  cousas no me valen. Os pequenos movementos son os que che falan da xente. A xente é a que me fai a min e creo que teño ao meu redor a mellor xente do mundo. Eu desde sempre rodeeime de músicos, de escritores, de pintores, de escultores… iso é o que paga a pena, a calidade das persoas. Eses son os xardíns da vida.

Proxecto Vida_Diario do Salnés_Andrea Fernandez Maneiro (poeta y fotógrafa)
As mans de Andrea Fernández Maneiro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A radio, que é cousa do falar, foi importante na túa vida…
Non falo da radio porque, aínda que fose o traballo que máis me gustou na vida, caín nun lugar onde a política primaba e a experiencia resultou moi ferinte. E logo, cando entrei noutra emisora a política volveu aparecer e creo que o debo deixar como unha etapa pechada. Na vida tantas veces hai que facer compartimentos estancos, se non o barco afunde. Eses períodos da vida hai que aparcalos e deixalos estar para non afundir e iso foi o que fixen coa radio.

Poesía e familia? 
Aloia, a filla, disfruta da miña poesía; Gonzalo, o fillo, non se manifesta, e o meu home ten días; pero sacrifícase para ler algo do que escribo. As nosas parellas fan o esforzo de entrar no que escribimos e quedan fora. Eu xa non torturo ao meu home… No apoxeo da radio quedei embarazada e foi cando me botaron. E fun nai. Creo que son unha nai horrible, polo menos diferente. Non son mamá pato. Os fillos necesitan a súa autonomía para vivir independentes. Hai que acompañalos e deixalos ir sós, deixalos voar. Non fun a mellor nai do mundo, pero teño os fillos mellores do mundo. Estou satisfeita.

Proxecto Vida_Diario do Salnés_Andrea Fernandez Maneiro (poeta y fotógrafa)
Andrea Fernandez Maneiro xunto a Alberto Avendaño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Despois de falar cinco minutos contigo, o entrevistador acumula material abondo para tres novelas épicas e un psicodrama. 
Diso nada, como moito un conto breve. Identifícome coa cor laranxa. Un pouquiño ácida e un pouquiño doce. As abellas síntense atraidas. Eu síntome atraída polo que vai vir, polo que vai pasar. O de atrás pasou e o que ven que veña. Non se poden ter expectativas. Estou soa no balcón. Mirar atrás só para aprender e non tropezar na mesma pedra. Pero sempre tropezarei na mesma idea de darlle oportunidades á xente. Eu doulle un dez a quen se achega a min e normalmente non me decepcionan. Claro que sempre hai imbéciles, que lle vas facer! 

TEST DE VIDA
Unha palabra?
Silencio.
Un lugar?
Luxor, ao pé do Nilo.
Unha persoa?
Chani, meu home.
Unha personaxe?
Alguén que admirei toda a vida é Stephen Hawking (vino en Oxford xunta a unha señora moi desagradable que lle empuxaba a súa cadeira de rodas). Para min foi un sabio, moi inspirador e cunha visión moi particular do mundo, cunha visión científico-poética do universo.
Un Obxecto ou unha cousa?
Os lápices de cores Alpino. Teño un monte deles.
Algo ou alguén importante?
Os meus gatos que non son meus porque un é do fillo e o outro da filla. A min non me deixan ter gato. Cando morreu a miña chorei tanto que o meu home dixo aquilo de “nunca máis” (Emociónase). E agora choro por un gato, que parvada!
Alguén imprescindible?
O meu compañeiro de vida, Chani.
Que é a vida?
O que ti queres que sexa. Un lugar para experimentar, onde descubrir cousas, e sobre todo onde coñecer xente. Eu escribo sobre seres humanos e gústame fotografar xente, sobre todo mulleres. Vou polo mundo roubando momentos exactos e cousiñas miúdas que son a esencia de todo.