Alumnado e docentes do Fermín Bouza Brey recibirán un curso de reanimación cardiopulmonar

A coordinadora dos cursos e facultativo de Urxencias do Hospital do Salnés, Ángeles Castro Otero, sinala que cunha poboación concienciada e entrenada nesta técnica podería reducirse a mortalidade cardiopulmonar ata nun 20%
Instituto Fermín Bouza Brey de Vilagarcía. DS
photo_camera Instituto Fermín Bouza Brey de Vilagarcía. DS

Profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, acompañados por docentes y profesores de educación Física do CIFP Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, impartirán mañá, mércores 1 en Fontecarmoa, entre as 10 e as 14 horas un curso teórico-práctico sobre reanimación cardiopulmonar, que contará con docentes e alumnos de ciclos formativos de ambos centros educativos.

Dita actividade formativa e asistencial conta cunha gran valoración por parte da comunidade educativa. Estes cursos teórico-prácticos sobre reanimación cardiopulmonar enmárcanse nun programa denominado “animación de actividades físicas e deportivas”.

Eficacia da reanimación cardiopulmonar

Segundo sinala a coordinadora destes cursos e facultativo de Urxencias do Hospital do Salnés, Ángeles Castro Otero, esta iniciativa asistencial da Área Sanitaria  de Pontevedra e O Salnés cos escolares incide nunha reanimación cardiopulmonar eficaz, que pode ser efectuada axeitadamente por calquera persoa. “Debemos seguir concienciando á sociedade para que adquira unha formación básica nesta técnica, que lograría reducir a mortalidade cardiopulmonar ata nun 20 por cento”.

Segundo sinala esta facultativo, a educación para a saúde debe ter lugar dende idades temperás, “polo que iniciativas coma as que imos efectuar no CIFP de Fontecarmoa constatan que os centros educativos son claves na expansión á poboación dos coñecementos e experiencias en primeros auxilios e en reanimación básica” engade Ángeles Castro.

A celebración destes cursos correrá a cargo dos profesionais do servizo de Urxencias do Hospital do Salnés Eugenio Pose Sobral e a propia Ángeles Castro Otero, así coma de Diana Rodríguez Dávila, profesional da UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, xunto cos docentes do instituto, que colaborarán posteriormente nun plan formativo.

Avais científicos e simulacións prácticas

Estes novos cursos teórico-prácticos sobre reanimación cardiopulmonar contan cos avais científicos do Plan Nacional de Reanimación Cardiopulmonar e da American Heart Asociation dentro do plan de atención cardiovascular de urxencia da Sociedad Española de Urgencias y Emergencias -SEMES-.

Ditas actividades tamén analizarán con simulacións prácticas interactivas -efectuadas polos alumnos e os docentes- diversos protocolos de actuación e algúns cadros patolóxicos que presentan os pacientes en situacións críticas.

A actividade terá unha avaliación global teórica e práctica polo profesorado docente, que se complementarán coa execución de novas simulacións de casos, nas que se supervisará a eficacia e calidade das técnicas aplicadas polos alumnos arousáns.

Valor dunha primeira intervención

Os profesionais do servizo de Urxencias do Hospital do Salnés e da UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra incidirán durante este curso de reanimación cardiopulmonar en Fontecarmoa no valor operativo da denominada “primeira intervención” -é dicir, dun testigo- a un paciente en situación de parada cardiorrespiratoria. Porque non soe dipoñerse dun médico ou dunha enfermeira experta nos lugares concretos onde acontecen este tipo de doenzas. 

Estímase que, por cada minuto que pasa un paciente en parada cardiorrespiratoria, sen reanimación, perde un 10 por cento de posibilidades de recuperación. En catro minutos sen recibir ningunha reanimación aplicada, o seu cerebro presentará importantes alteracións, secuelas posteriores ou incluso o falecemento.