Alerta por gripe aviar en Vilagarcía

A Xunta insta ademáis a Poio, Pontevedra, Marín, Vilaboa e Soutomaior, a manter a clausura das galiñas tras detectar tres novos casos en gaivotas

 Un reforzado con tela paxareira e máis medidas en Vilariño, Poio. S.A.
photo_camera Un reforzado con tela paxareira e máis medidas en Vilariño, Poio. S.A.

O Concello de Poio vén de difundir o aviso sobre a situación epidemiolóxica en relación á Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP). Aínda que Poio xa formaba parte das medidas o ano pasado, tal e como indica Medio Rural, a situación agravouse este 2023 ao terse detectados numerosos focos en aves silvestres e en domésticas.

A misiva indica que este aumento do risco tamén afecta a Galicia, debido a que, se ben os primeiros focos detectados en aves silvestres correspondían a mascatos, (aves migratorias só de hábitat mariño), nas últimas semanas detectaronse en Galicia gaivotas positivas a IAAP, e estas aves teñen hábitos tanto marítimos como terrestres, o que fai que teñan presenza e permanente no territorio.

Con iso, aumentan as probabilidades de contaxio de aves domésticas. A Xunta pide que se reforcen as medidas nos concellos situados en ZEV (Zona de Especial Vixianza), como é o caso do Concello de Poio para evitar o contacto das aves domésticas coas silvestres. Na provincia, son municipios ZEV A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía.

Entre as medidas a manter por parte dos particulares, está a prohibición da cría de aves ao aire libre (deben vivir en instalacións pechadas ao cuberto, como mínimo de telas paxareiras). Tampouco se pode usar de reclamos de caza con parrulos e gaivotas e similares, nin se permite a cría de parrulos, ocas e gansos xunto con outras especies de curral.

Ademais, prohíbese dar ás aves de curral auga de orixes nas que puideran ter acceso paxaros silvestres. Os depósitos de auga de subministro para as aves domésticas deberán ser protexidos para impedir ese acceso e quedan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo, comerciais ou non, como exhibicións e concursos tanto de aves de curral como de aves ornamentais. Por último, e obrigatoria a inscrición dos currais familiares no Rexistro Galego de Explotacións.