A ADOS recoñece a Vilagarcía pola participación cidadá nas campañas de doazón

A tenente de alcalde, Tania García, e o concelleiro de Relacións Veciñais, Lino Mouriño, foron os encargados de recoller o galardón no acto celebrado este mércores na Cidade da Cultura 
Tania García e Lino Mouriño recollendo o recoñocemendo da ADOS a Vilagarcía. DS
photo_camera Tania García e Lino Mouriño recollendo o recoñocemento da ADOS a Vilagarcía. DS

O Concello de Vilagarcía vén de recibir a distinción da Asociación de Doazóns de Órganos e Sangue, a ADOS, pola súa colaboración nas campañas que se desenvolven no municipio e pola solidariedade amosada polos vilagarciáns que sempre responden en masa aos chamamentos á doazón. A entrega deste recoñecemento tivo lugar na mañá deste mércores no acto institucional que ADOS celebrou na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. A tenente de alcalde, Tania García, e o concelleiro de Relacións Veciñais, Lino Mouriño, foron os encargados de recoller o premio consistente nunha pinga de sangue de madeira e prata.

A ADOS fixo coincidir o acto co Día Mundial do Doante de Sangue, que se conmemora cada 14 de xuño, e cando a asociación cumpre 30 anos de vida. Vilagarcía foi un dos cinco municipios distinguidos no acto no que tamén se entregaron recoñecementos a empresas, universidades, centros educativos, ás Forzas Armadas, deportistas, influencers, personalidades e proxectos de innovación que destacaron pola súa participación, promoción, concienciación e difusión das campañas de doazón organizadas pola ADOS.

A unidade móbil de doazón da ADOS visita mensualmente Vilagarcía e fai en verán unha campaña extraordinaria de recollida de sangue, iniciativa que se desenvolverá en breve e da que se dará cumprida conta.