A activista salvadoreña Bea Salazar denuncia a anulación dos dereitos ás mulleres no seu país

Foi recibida polo alcalde e concelleira de Igualdade, que se interesaron por coñecer a situación a través desta feminista defensora dos dereitos das persoas ▶ A visita enmárcase nun proxecto promovido pola Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD

Encontro entre Bea Salazar e o alcalde e a concelleira de Igualdade de Vilagarcía. CEDIDA
photo_camera Encontro entre Bea Salazar e o alcalde e a concelleira de Igualdade de Vilagarcía. CEDIDA

O alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Igualdade, Tania García, recibiron onte no Concello a Bea Salazar, unha feminista e activista defensora dos dereitos fundamentais en xeral e, en especial, dos das mulleres. A visita da salvadoreña enmárcase no proxecto Defensoras de Dereitos V Edición, organizado pola Coordinadora Galega de ONGD e a Deputación, que se está a desenvolver por diferentes municipios da provincia para dar a coñecer o traballo e a loita que leva a cabo Salazar no seu país e para fomentar a reflexión e o espírito crítico sobre a situación de persecución que sofren as persoas defensoras de dereitos no mundo. De feito, antes de entrevistarse cos representantes municipais, Bea Salazar protagonizou un encontro con alumnos do IES Castro Alobre.

Bea Salazar é unha das mulleres protagonistas da colección de libros Defensoras de Dereitos. É activista e defensora de dereitos no Salvador e traballa para organizacións feministas como a Concentración de Mujeres de Suchitoto e La Colectiva Feminista, ambas integradas na Iniciativa Mesoamericana de Defensoras de Derechos Humanos. Participa en procesos de recollida de información en casos de asasinatos machistas e violencia contra as mulleres e tamén traballa na defensa do dereito ao aborto.

Durante a extensa reunión mantida no Concello, a activista explicou a grave situación que se está a vivir no seu país en canto á anulación de dereitos en xeral e máis en concreto os que afectan ás mulleres. Varela e García, que xa tiñan coñecemento desta problemática a través da información que chega a España, interesáronse por afondar no asunto aproveitando a oportunidade de contar cunha testemuña directa que, ademais, está totalmente implicada na loita para tratar de reverter este grave proceso de involución democrática.

No seu sobrecolledor relato, Salazar comentou que no caso concreto do Salvador, as mulleres encaran niveis extremos de violencia de xénero, unha situación agravada por unha cultura de impunidade cara os agresores. As violacións de dereitos sexuais e reprodutivos son un síntoma desta violencia estrutural. O aborto está penalizado en tódalas súas modalidades, incluso cando é espontáneo, castigando ás mulleres con ata 50 anos de prisión. As que se atopan en situacións de maior vulnerabilidade, como as nenas e adolescentes, son as máis afectadas por estas violencias e contan con máis dificultades de acceso á xustiza. Segundo o último informe do Fondo de Población de Nacións Unidas, un cuarto dos embarazos rexistrados no Salvador corresponden a adolescentes. Toda esta situación viuse agravada polo estado de excepción que vive o país dende o mes de marzo, que dificulta aínda máis o labor da sociedade civil no camiño cara a protección das persoas e a garantía de dereitos.

O papel das mulleres e a experiencia da Coordinadora Galega de ONGD

As ONGD galegas coñecen de primeira man o importante papel que xogan as mulleres activistas na defensa dos dereitos e desenvolvemento humano sostible, pois colaboran con elas en moitos dos proxectos que a Coordinadora desenvolve en países de todo o mundo. Tamén, os riscos que, pola labor que realizan, afrontan as persoas e organizacións con vocación transformadora.

No 2021, Front Line Defenders documentou o asasinato de 358 persoas polo seu traballo de incidencia e denuncia, 37 máis que no 2018. As persoas que viven en países onde se violan as liberdad es cívicas multiplicouse por dous segundo a organización CIVICUS. Actualmente o 40% da poboación mundial vive en países represivos e só o 3% en lugares onde se respectan e protexen os dereitos fundamentais.

Dende a Coordinadora Galega explican que o apoio ás entidades da sociedade civil son en si mesmo un antídoto para combater esta involución democrática e para defender os dereitos das mulleres en todo o mundo. Por isto, dende ás organizacións galegas trabállase man a man coas organizacións e colectivos locais en ata 22 países. Ademais, apostan por estratexias feministas e polo enfoque de xénero en todo o que fan, de xeito que ata a metade dos seus proxectos poñen o foco nesta liña, segundo consta no seu último informe A sororidade entre mulleres impulsa o traballo das ONGD galegas. É o caso do proxecto Defensoras de Dereitos, que procura visibilizar e apoiar publicamente a mulleres defensoras e aos colectivos que as agrupan, recoñecendo o seu labor e alertando dos riscos que sofren.