Aberto o proceso para a construcción de beirarrúas e mellora da Rúa Ameixeiras

A obra comeza no cruce coa avenida de Cambados e prolongarase durante 110 metros ▶ O Concello inviste 75.800 euros na actuación, que ten un prazo de execución de tres meses

Obras para a creación de beirarrúas na Rúa Ameixeiras de Vilaxoán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Obras na Rúa Ameixeiras. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ravella vén de poñer en marcha o procedemento para contratar a obra de construción de beirarrúas e urbanización na rúa Ameixeiras, unha actuación esperada e demandada pola veciñanza da zona e, en especial, pola comunidade educativa do IES Armando Cotarelo. O proxecto saíu a licitación por importe de 75.780 euros, impostos incluídos, e un prazo de execución de tres meses. As empresas interesadas dispoñen ata o 22 de xuño para presentar as súas ofertas.

O proxecto a desenvolver permitirá mellorar a seguridade viaria nunha rúa que é moi transitada polos alumnos do centro educativo e que actualmente carece de beirarrúas. A actuación principal centrarase na construción dunha beirarrúa no primeiro tramo da rúa, comezando coa intersección coa avenida de Cambados, onde se sitúa a parada do transporte público, e en mellorar as condicións de seguridade viaria.

Para poder realizar a obra aproveitaranse os terreos de titularidade municipal resultantes da cesión prevista no proxecto de urbanización do solar que fai esquina coa avenida. Isto permitirá habilitar a plataforma de paso para os peóns e manter os dous carrís para a circulación de vehículos en ámbolos dous sentidos, á vez que axustar a rúa ás aliñacións recollidas no PXOM.

A actuación prevista consiste en construír beirarrúas totalmente accesibles no fronte de 110 metros de lonxitude que ten o solar obxecto da cesión. O pavimento das beirarrúas realizarase en formigón con especial atención aos acabados superficiais, tanto en cores como en texturas, e que deberá incluír cortes e xuntas de dilatación e a formación de pendentes mediante rigolas de escasa profundidade para facilitar a evacuación de pluviais.

Os bordes e arestas deberán tratarse mediante pulido para realizar os correspondentes rebaixes e os pasos de peóns sinalizaranse con botóns antideslizates. Por último, para incidir na seguridade viaria elevaranse os pasos de peóns, de xeito que os vehículos teñan que circular a menor velocidade.

A incorporación dos terreos municipais á rúa permitirá habilitar unha liña de estacionamentos, co que a zona gañará aparcamento público. As prazas para aparcar construiranse con aglomerado asfáltico.

Revisión e adaptación dos servizos
Ademais do pintado de toda a sinalización horizontal, a actuación tamén prevé a supervisión, posta a punto e adaptación das redes de recollidas de pluviais e saneamento, o soterramento do cableado eléctrico e a construción das acometidas aos servizos públicos. Por último, colocaranse luminarias de tecnoloxía LED para mellorar a visibilidade tanto para peóns como para condutores.