A Prefeitura de Santana do Libramento destaca o punto limpo como modelo a aplicar

Visita ao punto limpo de Vilagarcía por responsables de Santana do Libramento. DS
Representantes do municipio suramericano visitaron as instalacións de Pinar do Rei no marco do proxecto de cooperación promovido polo Eixo Atlántico 

O Punto Limpo de Vilagarcía recibiu a visita de técnicos da Prefeitura de Santana do Libramento que, a través dun proxecto de cooperación promovido polo Eixo Atlántico, están buscando referentes para aplicar na cidade brasileira estratexias que promovan un desenvolvemento urbano integrado e sostible e melloraren a calidade de vida dos seus habitantes. Os concelleiros de Servizos e Xestión de Residuos, Lino Mouriño, e de Medio Ambiente, Diego García, acompañaron aos técnicos brasileiros na visita na que tamén participou persoal do Eixo e do Concello.

A visita a Pinar do Rei enmarcouse na procura de prácticas de economía circular que os brasileiros poidan aplicar na xestión dos residuos sólidos urbanos dende unha perspectiva de economía social e de inclusión cidadá innovadora, orientada á dignificación e á valorización da intervención dos sectores poboacionais máis desfavorecidos e vulnerables.

Carina Farias, responsable do proxecto e arquitecta da Prefeitura de Santana do Livramento, e Eloi Luft, responsable da xestión de residuos na mesma administración, recibiron as explicacións sobre o funcionamento do Punto Limpo da man do encargado do servizo e dos mestres composteiros do Concello, que expuxeron o sistema de separado dos residuos e o proceso de selección de distintos materiais para a súa post erior reutilización ou reciclado en plantas autorizadas ou, de ser o caso, para a súa eliminación de forma segura e sostible, tamén a cargo de centros homologados.

Coa denominación de Fronteira da Paz Sustentável, o proxecto a desenvolver en Santana do Livramento e Rivera (Uruguai) céntrase nunha estratexia de cidade integrada, participada por todos os sectores da poboación e con impacto en todo o seu territorio urbano, de xeito que promova un crecemento máis harmonioso e equilibrado.

Esta iniciativa de cooperación internacional proposta polo Eixo Atlántico conta con financiamento da Unión Europea e promove o desenvolvemento urbano integrado a través da participación entre as institucións locais, os Estados membros da UE e os países adheridos, de acordo coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da ONU.