O 2022 racha co teito dos matrimonios civís en Ravella coa celebración dun total de 78 vodas

A cifra supera o récord anterior dos 68 casamentos que se rexistraron en 2019 ▶ Álvaro Carou foi por primeiro ano o edil máis casamenteiro de Vilagarcía ao presidir 25 celebracións, seguido de Paola María que oficiou 11

Unha parella dándose o ‘si quiero’ o ano pasado. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Unha parella dándose o ‘si quiero’ o ano pasado. BEATRIZ CÍSCAR

Raro, por non dicir, excepcional, é a fin de semana que a Casa Consistorial de Vilagarcía non acolle, polo menos, a celebración dunha voda. Esta foi a tónica no 2022, un ano de récord histórico, ao terse celebrado en Ravella un total de 78 matrimonios civís, superando a anterior marca máis alta, a dos 68 do ano 2019. Do libro de vodas do Concello despréndense outras curiosidades, como que a tempada alta de cerimonias situouse entre xullo e outubro, e que Álvaro Carou foi o concelleiro máis casamenteiro do ano, título que ostenta por vez primeira por ter oficiado 25 matrimonios.

As cifras de 2002 demostran que, no que á celebración de matrimonios se refire, a pandemia xa quedou atrás definitivamente. Tras a espectacular caída do número de celebracións civís no consistorio do ano 2020, cando os aprazamentos masivos polo Estado de Alarma e as restricións sanitarias reduciron a 24 as vodas de todo o ano, e a recuperación de 2021, ano no que, aínda con máscara, a cifra elevouse ata as 51, en 2022 produciuse o estoupido.

No ano que se vai a pechar non houbo mes sen voda. Marzo foi o menos elixido, cunha única celebración en Ravella, e outubro e agosto os máis concorridos, con 13 e 12 cerimonias respectivamente. Os outros dous meses máis elixidos polos contraentes foron xullo e setembro, con 11 celebracións en cada un deles. 6 parellas optaron por cas arse en febreiro, as mesmas que en abril e que en xuño, 4 en xaneiro e 3 en maio, en novembro e en decembro.

A competencia de oficiar os casamentos civís nun Concello corresponde por lei ao alcalde que, non obstante, pode delegar en calquera membro da Corporación por asuntos de axenda ou a petición expresa dos noivos. Como consecuencia a esta disposición, en Vilagarcía oficiaron matrimonios civís varios concelleiros da Corporación, tanto do goberno como da oposición. De feito 9 dos 12 edís do executivo presidiron algún casamento en 2022, mentres que por parte da oposición foron 3.

Como xa se adiantou antes, Álvarou Carou encabeza a lista dos concelleiros máis casamenteiros, con 25 vodas oficiadas, gañándolle o podio a Paola María, que este ano casou en 11 ocasións. O alcalde, Alberto Varela, e a tenente de Alcalde, Tania García, presidiron 9 matrimonios civís cada un, e L ino Mouriño 7. O ránking complétase coas 5 vodas que oficiou Matilde Laya, as 3 de Alba Briones, as 3 de Ana Granja e as 2 de Sonia Outón, as mesmas que Miro Serén. Os concelleiros David Oliveira e Juan Fajardo presidiron unha cerimonia.

Vodas administrativas ou cerimoniais e tamén en días laborables

Os noivos que elixen o Concello para casar poden optar pola voda administrativa ou pola cerimonial. As primeiras poden celebrarse de luns a venres en horario laboral do Concello e consisten na firma da documentación na Alcaldía. A voda cerimonial pode celebrarse polas tardes, fins de semana ou festivos. Teñen lugar no Salón Nobre e a escalinata principal do Concello cóbrese coa alfombra vermella.

Dende o ano 2007, as vodas cerimoniais conlevan a aplicación dunha taxa correspondente aos gastos de apertura do Concello fora de horario laboral e do persoal preciso para a posta a punto do salón nobre. Dende 2015, a taxa mantense 78,05 euros.

Tamén nesto das vodas civís cambian as modas e costumes. Duns anos cara aquí estanse a celebrar vodas cerimoniais tamén en días laborais, a petición dos noivos e cada vez son máis as parellas que optan por celebrar a cerimonia civil no mesmo lugar no que ofrecen o banquete, como pazos ou casas rurais.


Un milleiro de parellas casaron en Ravella en 27 anos

O Concello de Vilagarcía leva 27 anos celebrando vodas civís. A primeira tivo lugar na primavera de 1995 e, dende entón, suman 1.014 as parellas que elixiron o consistorio para contraer matrimonio pola vía civil.