A veciñanza de Vilagarcía reciclou máis de 14 toneladas de aceite de cociña usado no 2022

O residuo recuperado evitou a contaminación e posterior depuración de 15,5 millóns de litros de auga ▶ O número de contedores específicos dispoñibles no municipio ampliouse en 2022 ata chegar aos 39 existentes na actualidade

Contenedor de aceite en Vilagarcía. FERNANDO SALGADO
photo_camera Contenedor de aceite en Vilagarcía. FERNANDO SALGADO

Os vilagarciáns axudaron o ano pasado a reciclar 14.160 quilos de aceite de cociña usado depositando este residuo doméstico nos contedores específicos que existen en diversos puntos do municipio. A memoria facilitada pola empresa que se encarga da xestión do aceite aporta ademais outros datos que, ademais de interesantes, resultan moi motivadores ao permitir comprobar o efecto positivo que ten para o medio ambiente e para a calidade de vida dos cidadáns reciclar este residuo. Por exemplo, estas 14 toneladas de aceite usado destináronse á elaboración de biocarburante que, ao ser utilizado en lugar dos combustibles fósiles, evitaron contaminar a atmosfera coa emisión de 42 toneladas de CO2.

A redución da contaminación atmosférica non foi o único beneficio que supuxo o reciclado do aceite usado en Vilagarcía o ano pasado. De terse desbotado polo váter ou pola billa esa cantidade de aceite, se terían contaminado algo máis de 15,5 millóns de litros de auga. De ter ocorrido isto, para evitar a contaminación mariña que suporía que esta auga chegase ao mar, habería que tratala e depurala previamente na EDAR de Ferrazo, un proceso longo ao tratarse de aceite, cos conseguintes custes enerxéticos e económicos que isto suporía.

O Concello de Vilagarcía ampliou en 2022 o número de contedores para a recollida de aceite alimentario coa finalidade de facilitar o reciclado por parte da veciñanza. Mediante a firma dun convenio de colaboración coa empresa Green Ambiental SLU, encargada de xestionar o servizo de recollida e tratamento do aceite, instaláronse 10 novos puntos de recollida, chegando a un total de 39 distribuídos por todo o municipio.

En catro destes puntos a cantidade de aceite depositado polos vilagarciáns superou a tonelada. Foron os de As Carolinas (1.485 quilos), Camilo José Cela (1.395), Avenida Rodrigo de Mendoza-Fexdega (1.245) e Rosalía de Castro (1.050). Algo inferior foron as cantidades recollidas nos contedores das rúas Edelmiro Trillo (840 quilos), Praza de Abastos (715), Praza de Ravella (595), Avenida de Cambados-Torres Gaivotas (590), Rodrigo de Mendoza (520), Doutor Tourón (510, Carril (510) e Trabanca Badiña (505). En menor proporción tamén se utilizaron os depósitos específicos para a reutilización de aceite alimentario usado nos puntos de Vilaxoán-Dona Concha (460 quilos), Cornazo (405), Rúa Vilaboa (365), Rubiáns (365), Sobradelo-Rosaleda (275), Bamio (200), Trabanca Sardiñeira (165), Doutor Moreira Casal (155), López Ballesteros (125), A Laxe (190), Vilar-Bamio (160), Castroagudín (105), Guillán (120), Rosalía de Castro (180), Camilo José Cela (105), Praza da Constitución (100), San Xosé (100) e Rúa Sobreira (100). Nas zonas menos poboadas ou con maior dispersión, aínda que en menor cantidade, os veciños tamén reciclaron aceite sobrante da cociña. Así o demostran as cantidade recollidas nos puntos de Agustín Romero (95 quilos), Rúa 8 de Marzo (95), Bamio (75), Rosalía de Castro (45), A Torre (90), Rúa Lucena –Carril (55), Veiga do Mar (45) e no Miradoiro da Rosa-Carril (30). Tamén existe un contedor no P unto Limpo de Pinar do Rei, aínda que neste caso, o ano pasado non foi utilizado pola veciñanza, que opta por acudir aos contedores que ten máis preto dos seus domicilios.

Servizo gratuíto para hostalaría e comedores

Co obxectivo de continuar promovendo o hábito de reciclar o aceite usado de cociña, o Concello tamén estende o servizo gratuíto de recollida aos locais de hostalaría do municipio e centros onde existan comedores públicos (colexios, hospitais, grandes empresas…), sempre que pertenzan ao termo municipal de Vilagarcía. A empresa xestora proporcionaralles os recipientes axeitados para almacenar o aceite usado, que substituirá por outros limpos cando vaia a recoller os primeiros.

Para poder facer uso deste servizo, os establecementos deben solicitalo previamente, o que poderán realizar contactando directamente coa empresa Green Ambiental SLU, emprazada en Lalín, ou ben dirixíndose aos mestres composteiros do Concello chamando ao teléfono 986 099 200 extensión 965.

A maiores, dende hai pouco máis de un mes, o Concello, a través da Concellería de Servizos, da que depende a xestión dos residuos sólidos urbanos, está a desenvolver unha campaña de información e concienciación do reciclado, facendo fincapé na recollida de aceite doméstico. Ademais de distribuír folletos informativos sobre os beneficios desta práctica e a localización dos puntos de depósitos, tamén se repartiron 10.000 funís con rosca para axustar aos recipientes nos que se almacena o aceite nas casas e facilitar así a labor aos veciños. Para incentivar e concienciar sobre esta práctica, os funís levan impreso o lema "Nin unha gota ao mar. Recicla o aceite de cociña".