A Xunta somete a información pública a reordenación do porto de Sanxenxo

A Delimitación de Espazos e Usos Portuarios pretende mellorar a relación entre os portos e as vilas
Porto deportivo de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Porto deportivo de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución de Portos de Galicia pola que se somete a información pública a modificación substancial do documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), o chamado Plan de Usos, do porto de Sanxenxo. Este documento, que modifica substancialmente a normativa anterior, permitirá unha mellor planificación e explotación do solo portuario. 

Durante este trámite administrativo, o documento sométese a información pública para que todas as persoas interesadas poidan examinalo e presentar por escrito as reclamacións ou alegacións que consideren oportunas. Para isto dispoñen dun prazo de dous meses que se contará a partir de mañá. O documento está dispoñible para a súa consulta na páxina web de Portos de Galicia, no enderezo https://portosdegalicia.gal/gl/web/portos-de-galicia/delimitacion-espazos. 

Nesta fase de información pública, ademais de recoller as alegacións que poidan presentar as persoas físicas ou xurídicas interesadas, Portos de Galicia vén de solicitar  informe en relación ás súas competencias ao Concello de Sanxenxo, Consellería de Medio Ambiente, Consellería do Mar, Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Transición Ecolóxica e Capitanía Marítima.

O DEUP recolle o ordenamento do solo e a distribución das actividades que se desenvolven no dominio público portuario. Deste xeito, define os usos e actividades que se desenvolven de feito en cada caso e zonifica o solo portuario para o desenvolvemento futuro das distintas actividades que conviven nos peiraos. 

A Delimitación de Espazos e Usos Portuarios é unha actuación encamiñada a mellorar a relación entre os portos e as vilas que os acollen, unha das liñas de traballo permanente de Portos de Galicia, que a día de hoxe ten aprobado máis de medio centenar de plans para preto de setenta portos autonómicos. Deste xeito, o ente público avanza na cohesión entre o tecido urbano e as infraestruturas portuarias, de modo que poidan beneficiar non só aos usuarios directos, senón tamén ao conxunto da cidadanía. Así mesmo, establece unha planificación e zonificación das diferentes actividades que conviven no peirao, a medio e longo prazo.