A Xunta reivindica en Sanxenxo aos farmacéuticos de Atención Primaria

Durante o 2022, os farmacéuticos atenderon un total de 107.695 consultas e, segundo apuntaron o conselleiro de Sanidade e o director xeral, o labor dos especialistas en Farmacia "foi fundamental para garantir a continuidade da prestación farmacéutica a 264.000 pacientes crónicos"
O conselleiro de Sanidade e o director xeral inauguraron o acto. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O conselleiro de Sanidade e o director xeral inauguraron o acto. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, inauguraron durante a tarde deste venres as IV Xornadas da FAPsGAL (Asociación de Farmacéuticos de Atención Primaria de Galicia) sobre Seguridade Fármaco Terapéutica, que se celebraron no Hotel Carlos I de Sanxenxo. No acto, ao que finalmente se puido unir o conselleiro, despois de que inicialmente se cancelara a súa intervención, ambos puxeron en valor o traballo que realizan os profesionais desta especialidade no asesoramento e revisión da medicación da poboación galega, así como a súa contribución por mellorar a seguridade no uso dos medicamentos.

Durante o 2022, os farmacéuticos atenderon un total de 107.695 consultas e, segundo apuntaron os responsables do Sergas, o labor dos especialistas en Farmacia "foi fundamental para garantir a continuidade da prestación farmacéutica a 264.000 pacientes crónicos", un traballo que xerou un total de 2,5 millóns de receitas ao longo dos tres últimos anos. Durante o acto tamén se conmemorou o 25º aniversario do Farmacéutico de Atención Primaria en Galicia.

Asistentes ás xornadas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Asistentes ás xornadas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Na compaña da subdirectora xeral de Farmacia, Silvia Reboredo, incidiron na importancia que posúe a atención e colaboración farmacéutica dentro do sistema sanitario, destacando que "a revisión clínica da medicación e a actualización da folla de medicación activa", redunda na calidade asistencial dos pacientes da rede sanitaria pública galegs, segundo explicou Aboal.

25 aniversario do Farmacéutico de Atención Primaria en Galicia

No transcurso das IV xornadas da FAPsGAL tamén se conmemorou o 25º aniversario do Farmacéutico de Atención Primaria en Galicia, pois foi no ano 1998 cando tomaron posesión das súas prazas os sete primeiros especialistas en Farmacia de Atención Primaria en Galicia.

Nesta liña, o responsable do departamento sanitario do Sergas destacou a presenza de todas as xeracións responsables da subdirección de Farmacia durante o acto conmemorativo. Nomeadamente, asistiron ao mesmo, Teresa Chuclá Cuevas; Carolina González-Criado, e a actual subdirectora xeral de Farmacia, Silvia Reboredo. Do mesmo xeito, Jorge Aboal salientou a ampliación de recursos e persoal que a Xunta está a facer no eido farmacéutico do primeiro nivel asistencial do Sergas. Así, precisou que o Servizo Galego de Saúde conta na actualidade cun total de 100 farmacéuticos, tras a dotación de 28 novas prazas na presente lexislatura.

Durante as xornadas , Sanxenxo acollerá a especialistas en Atención Farmacéutica para abordar os últimos avances, novidades e resultados vencellados a este ámbito sanitario. Así, entre outros, analizaranse os principais retos que presentan as terapias a nivel individual; compartiranse as experiencias rexistradas na implantación dos Programas de Resistencia aos Antibióticos (PROA), e exporanse os resultados dos diferentes programas sobre a seguridade farmacoterapéutica, nos que de xeito multidisciplinar, participa o persoal farmacéutico de Atención Primaria.