A Xunta recibe 11 ofertas para executar a senda que unirá as marxes da autovía

A previsión é adxudicar as obras no verán, co obxectivo de inicialas no outono e rematalas a finais deste ano ou principios de 2024
Itinerario de la senda. DS
photo_camera Itinerario de la senda. DS

A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para executar as obras da senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, entre O Vinquiño e Contumil. Con esta actuación, que suporá un investimento total de 180.000 euros, búscase resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible na zona.

En concreto, os traballos obxecto deste contrato consistirán na construción dun itinerario peonil de 382 metros de lonxitude, para unir ambas as marxes da autovía AG-41 e resolver a barreira que supón para a mobilidade peonil pola alta densidade de tráfico que rexistra este enlace coa estrada autonómica.

A previsión é adxudicar as obras no verán co obxectivo de inicialas no outono, tendo en conta que os actos para o levantamento de actas previas á ocupación dos predios precisos para esta obra están convocados para o vindeiro día 20 de xuño, das 10.00 ás 11.00 horas no salón de plenos do Concello, mentres que a formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 19 de setembro, á mesma hora e no mesmo lugar. Neste sentido, o obxectivo da Xunta é ter rematadas a finais deste ano ou principios de 2024 as obras, tendo en conta que o prazo de execución é de dous meses.

Máis concretamente, habilitarase un novo itinerario peonil que, nun primeiro treito, partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita da estrada PO-504, ao seu inicio no lugar de O Vinquiño, para chegar ata o paso inferior da autovía. Nun segundo treito, continuarase desde alí facendo unha ‘L’, ata a glorieta inferior do enlace da autovía, comunicando a dita senda coa zona comercial e a estación de servizo. No primeiro treito, adaptaranse as beirarrúas existentes e os terreos para obter unha beiravía mínima de 0,7 metros. E no segundo treito, unha vez pasado o paso inferior, a senda discorrerá paralela aos muros e ao pé do noiro da propia autovía para rematar na glorieta inferior do enlace que dá acceso a Sanxenxo.