A Xunta pon de relevo en Sanxenxo a calidade do sector aceiteiro galego e as súas variedades

Balseiros salientou a súa aposta por manter as variedades autóctonas de Galicia, que "fan do noso produto un aceite propio e diferente do resto"

A cata nas instalacións de Hostelería do Salnés, en Sanxenxo. DS
photo_camera A cata nas instalacións de Hostelería do Salnés, en Sanxenxo. DS

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo de relevo durante a mañá deste martes en Sanxenxo a calidade do aceite galego e as variedades autóctonas, durante unha cata de aceites de oliva virxe extra (AOVE), organizada polo Obradoiro de Emprego da Mancomunidade do Salnés, na que tamén participaron empresas galegas do sector, que mostraron os seus produtos.

O director xeral non dubidou en destacar a valía dos aceites presentados na degustación polas entidades da zona, ao igual que outros produtos derivados da oliva galega. Neste sentido, Balseiros salientou a súa aposta por manter as variedades autóctonas de Galicia, que "fan do noso produto un aceite propio e diferente do resto".

O encontro enmárcase dentro das xornadas formativas que organiza a Mancomunidade do Salnés Hostalería do Salnés para alumnos e profesores, así como para todas aquelas persoas que queiran asistir durante a xornada de portas abertas.