A Xunta investirá 120.000 euros para a conservación da ermida da Lanzada

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de licitar a actuación, tal e como comprometera co Concello de Sanxenxo
Entorno de la ermita de A Lanzada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Entorno da ermida da Lanzada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Xunta de Galicia acaba de licitar por 119.465,43 euros as obras de restauración dos paramentos exteriores da capela da Nosa Señora da Lanzada, tal e como comprometera do Concello de Sanxenxo.  O obxectivo da actuación é garantir a conservación deste ben, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, ademais de ser unha das estampas máis icónicas e recoñecibles da localidade pontevedresa e un dos encraves máis destacados da Lanzada.

As actuacións previstas consistirán na eliminación de plantas superiores, preconsolidación de placas de pedra e limpeza mecánica da superficie, na eliminación dos morteiros deteriorados e de cemento, na desalación e no selado de gretas e fendas, entre outras tarefas de consolidación e restauración da capela. Ademais asentaranse as sopenas e a cruz da fachada principal, á que tamén se lle devolverá a verticalidade.

A maiores, executarase un estudo histórico-arqueolóxico mediante sondaxes arqueolóxicas manuais e farase un levantamento 3D da capela mediante fotogrametría, escalado e xeoreferenciado exterior.

Para poder desenvolver os traballos necesarios, asinouse un convenio de colaboración coa Arquidiócese de Santiago de Compostela para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios, co obxectivo de solucionar as patoloxías da ermida, que presenta un notable ataque, que pon en detrimento a futura conservación do conxunto. 

Cómpre salientar tamén que o ben está nunha situación totalmente sobresaínte dentro do conxunto defensivo no que se atopa, exposto a condicións climatolóxicas moi adversas. De feito, practicamente a totalidade dos elementos pétreos teñen un contido en sales elevado e filtracións de auga, segundo explicaron dende o ente autonómico.

Un templo que data de entre o século XII e XIII

A ermida da Nosa Señora da Lanzada é un templo dos séculos XII ou XIII situado na parroquia de Noalla. O lugar de emprazamento da ermida, anteriormente unha illa e a día de hoxe un istmo, está habitado desde tempos remotos, sendo testemuño diso os innumerables restos achados nas inmediacións dun antigo castro do século VIII a.C.

Tamén se rexistrou neste espazo unha necrópole baixo-romana dos séculos III ou IV d. C. con numerosos vestixios, como unha ocupación mercantil e de manipulación de alimentos a gran escala debido á presenza dunha salgadura romana. Sumado ao anterior, na zona erixiuse ao parecer un faro fenicio ou romano, actualmente desaparecido. 

A capela, de estilo románico tardío, construíuse no século XII ou a comezos do século XIII sobre as ruínas dunha antiga igrexa ligada á fortaleza levantada en 952 polos ‘Merinos’ de Iria Flavia no Salnés baixo ordes do bispo Sisnando Menéndez para defender, xunto coas Torres de Oeste en Catoira e a Torre de San Sadurniño en Cambados, as terras de Santiago de Compostela dos invasores viquingos, normandos, sarracenos e musulmáns.