A Xunta inicia os traballos previos para executar a senda fluvial de Dorrón

► Esta semana leváronse a cabo as medicións e marcaxes e agárdase que o groso da actuación comece nos vindeiros días, con previsión de rematar cara finais de ano ► A actuación terá un prazo de execución de cinco meses e suporá un investimento de 391.000 euros dos fondos 'Next Generation'

Marcaxe nun dos tramos do roteiro. DS
photo_camera Marcaxe nun dos tramos do roteiro. DS

A demanda histórica da veciñanza de Dorrón está máis perto de facerse realidade. A Xunta de Galicia deu inicio esta semana aos traballos previos para executar a senda fuvial que discorrerá pola marxe do río, con inicio en Outeiro, unha actuación que segue dentro da previsión de prazos achegada pola Conselleira, Ángeles Vázquez, quen estimou poder inaugurala cara a finais de ano durante a presentación do proxecto, o pasado mes de marzo.

Un dos paneis informativos que se instalarán ao longo do percorrido. DS
Panel informativo que inclúe hábitats. DS

Neste sentido, o groso da actuación, financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dará comezo nos vindeiros días, e terá un prazo de execución de cinco meses, cun investimento de 391.928 euros, procedentes dos fondos europeos Next Generation. Mentres tanto, os traballos que xa comezaron pasan polas medicións e marcaxes previas no lugar, onde xa son visibles pequenas estacas que delimitan algúns tramos do futuro roteiro, que se estenderá ao longo de 3,6 quilómetros, e que ascende a ladeira desde as proximidades da praia de Areas ata o muíño de Xián.

Dende a Xunta tamén comezaron os contactos cos propietarios das leiras das que será necesario dispoñer para a provisión de materiais, así como o paso de maquinaria, mentres dure a construción da senda. Cabe lembrar que o proxecto conta co beneplácito veciñal, xa que, para facelo posible, os veciños e veciñas cederon ata un total de 280 terreos particulares.

A veciñanza, que cedeu 280 terreos para levar a cabo a senda, durante a presentación do proxecto en marzo. DAVID FREIRE/ARQUIVO
A veciñanza, que cedeu 280 terreos para levar a cabo a senda, durante a presentación do proxecto en marzo. DAVID FREIRE/ARQUIVO

A actuación contempla a roza manual e selectiva da vexetación, así como a eliminación de especies invasoras e alóctonas como a herba da Pampa, cana, xunco xigante ou orella de gato, co obxectivo de mellorar os hábitats fluviais. No trazado, que contará cun ancho aproximado de dous metros con pavimento sobre saburra, incluiranse actuacións como as construcións de muros de cachotería,a recuperación de pasos de pedra, pasos de madeira, pasarelas e varandas de madeira.

Panel informativo do proxecto. DS
Panel informativo do proxecto. DS

O roteiro tamén contará con sinalización dos lugares de interese, así como do propio percorrido, a través de 10 paneis informativos e dúas unidades de cartelería con tellado. Esta acción, tal e como xa adiantara a conselleira durante a presentación do proxecto, realizarase tendo en conta o manual da Federación Galega de Montañismo para a súa posterior homologación. Algúns dos puntos que se recollerán na sinalética serán os muíños da Costa, de Felipe e de Quintáns, así como a igrexa de San Pedro de Bordóns, o lavadoiro de Outeiro, a igrexa de San Xoán de Dorrón ou o cruceiro de Quintáns.