A Xunta iluminará o acceso ao polígono de Nantes dende a Autovía do Salnés

O Concello de Sanxenxo deberá incorporar as obras de mellora ao patrimonio público municipal, asumindo a súa xestión e mantemento
Vista aérea del parque empresarial de Nantes. DS
photo_camera Vista aérea del parque empresarial de Nantes. DS

O acceso ao parque empresarial de Nantes pola Autovía do Salnés terá iluminación. A medida, que acometerá a Xunta de Galicia, lévase a cabo mediante un convenio asinado de xeito telemático entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que inclúe a totalidade do enlace da AG-41 ao polígono, situado no punto quilométrico 17+200, e que ademais dá acceso á zona de vivendas de Pedroño.

A Xunta asume a redacción do proxecto e a contratación e a execución das obras necesarias para a iluminación do acceso, que suporán un investimento autonómico de case 33.000 euros. O Concello de Sanxenxo, pola súa banda, deberá incorporar as obras de mellora ao patrimonio público municipal, asumindo a súa xestión e mantemento, ademais de comprometerse a sufragar o consumo do sistema de iluminación instalado. 

AS OBRAS. Actualmente a iluminación existente na zona é a do viario de acceso ao parque empresarial e parte do anel da glorieta da marxe dereita, pero non está iluminado o resto do enlace nin o acceso ás vivendas. Neste sentido, os traballos previstos neste convenio comprenden a instalación de dúas luminarias na glorieta oeste, unha entre o ramal de saída marxe dereita e o paso inferior, e a outra entre o paso inferior e o ramal de entrada marxe dereita. Ambas colocaranse sobre unha columna de nove metros de altura.

Ademais, na intervención inclúese a instalación doutras catro luminarias no illote central da glorieta este, sobre unha única columna de nove metros de altura. Tamén se colocarán dous  proxectores tipo LED no muro do paso inferior que conecta ambas glorietas, e a intervención completarase con outras dúas luminarias no viario de acceso ás vivendas, sobre columna de cinco metros de altura.