Unha vivenda unifamiliar en Montalvo, premiada no certame Gran de Area 2023

Vivenda unifamiliar en Montalvo. premiada por Gran de Area 2023. DS
Presentáronse ao concurso, convocado polas Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia, 71 proxectos que amosan o gran traballo dos arquitectos, promotores e do resto de axentes que interveñen no proceso construtivo 

As Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia veñen de fallar os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2023, que outorgaron unha das súas 13 distincións a unha vivenda unifamiliar situada en Montalvo (Sanxenxo), concretamente no lugar de Arra. O proxecto, a cargo de Rodríguez + Pintos arquitectos, SLP, resultou premiado pola súa calidade, tanto nos espazos proxectados coma nos materiais e técnicas utilizadas. Trátase, segundo a resolución do certamen, dunha proposta de deseño contemporáneo que á súa vez é un exercicio de bioconstrución e eficiencia enerxética. O resultado é un fogar eficiente, sereno e belo, relacionado co seu contorno inmediato, explicaron.

 Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”. 

Este ano presentáronse 71 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e demais axentes participantes. Trátase de obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos a escala de cidade.

O xurado do concurso estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra e Ourense, Anselmo Villanueva e Emma Noriega; a tesoureira da Delegación de Vigo en substitución do seu presidente, Sonia Alvarado; Alexandra Estefanía Vázquez, colexiada seleccionada entre os premiados dos Premios Gran de Area da edición anterior, consensuado polas tres delegacións; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva: Lucía Araujo por Pontevedra, Iago Fernández por Ourense, e Joana Covelo por Vigo; e o secretario da Delegación de Ourense, Antonio Piñeiro, que actuou como secretario do xurado. Segundo a súa valoración, nesta edición os proxectos destacaron en aspectos fundamentais como a recuperación do contorno, o uso de prácticas sostibles e a rehabilitación fronte á obra nova. “Son proxectos que buscan mellorar a calidade de vida, ter un menor impacto ambiental e poñer en valor a contribución de promotores e do resto de axentes que interveñen para facelos posible” –manifestou o xurado–. Despois de horas de intensas liberacións, o xurado seleccionou 13 obras (7 situadas na área de Vigo, 3 na área de Pontevedra e 3 na área de Ourense). Na área de Pontevedra resultaron tamén premiadas a reestruturación dunha vivenda familiar na Rúa Formigueira, número 4, a cargo de Jose Luis Gil Pita, e no concello de Cerdedo-Cotobade, recoñeceuse a recuperación patrimonial e paisaxística dos baños de San Xusto, en San Xurxo de Sacos, a cargo de Cristina García Fontán.