A verbena e a sardiña, protagonistas nas festas de Aios e O Santo por San Xoán

▶ Ritmo Joven e Arena actuarán no día grande de Aios, o 24 de xuño, e D'Noche e Manhatan, en O Santo ▶ Ambos lugares alongarán os seus festexos dende o día 23 ao 25 
Sardiñada en Sanxenxo. ARQUIVO
photo_camera Sardiñada en Sanxenxo. ARQUIVO

Os lugares de Aios (Noalla) e O Santo (Nantes) recuperan este ano as festas de San Xoán e Santa Ana con tres días de celebración e verbena respectivamente, nos que non faltará a música nin a gastronomía entre o 23 e o 25 de xuño.

No caso do San Xoán de Aios, os festexos inauguraranse o vindeiro xoves 23 cun pasarrúas pola tarde, que percorrerá Adina, Portonovo e Noalla da man do grupo Os do Barro, e pola noite terá lugar a Gran Sardiñada e Churrascada con fogueira de San Xoán, que estará amenizada pola Disco Móbil Studio21.
O venres 23 inaugurarase cunha salva de bombas e un pasarrúas a cargo da Charanga Noroeste, e ás 13.00 horas terá lugar a misa solemne na honra de San Xoán, cantada polo coro parroquial de Noalla, con procesión e tirada de fogos. Posteriormente, ás 22.00 horas, comezará a gran verbena a cargo da orquestra Ritmo Joven e Trío Arena.

Cartaz das festas de Aios. DP
Cartaz das festas de Aios. DP

O sábado 25 haberá salva de bombas ao amencer e pasarrúas da man de Os do Barro, mentres que ás 13.00 horas volverá ter lugar unha misa na honra da Virxe de Fátima, seguida tamén de procesión e tirada de fogos. A partir das 22.00 horas, as festas pecharanse cunha verbena amenizada pola Disco Móbil Dolce Vita.

En O Santo os festexos na honra de San Xoán e Santa Ana comezarán coa gran tirada de fogos durante a mañá do día 23, e pola noite terá lugar a tradicional sardiñada con churrasco e queimada, amenizada pola disco móbil Dolce Vita.

Cartaz das festas de O Santo. DP
Cartaz das festas de O Santo. DP

O sábado 24 haberá pasarrúas pola mañá, a cargo dos gaiteiros da Asociación Cultural Os Cruceiros de Vilalonga e, pola tarde, a partir das 20.00 horas, misa solemne con procesión, seguida da tradicional Madama, acompañada, de novo, por Os Cruceiros.

Pola noite terá lugar a gran verbena a cargo da orquestra D’Noche e o trío Manhatan.

O último día de festas, o 25 de xuño, haberá pasarrúas pola mañá con Os Cruceiros de Vilalonga, mentres que ás 13.00 horas terá lugar a misa solemne, seguida de procesión, e acompañada polos gaiteiros. A verbena a cargo do trío Soprano e o dúo Reflexos pechará a celebración.