Unha veciña de Sanxenxo, identificada como a ladroa de plantas nas rotondas de Poio

▶ Á muller, de 66 anos, atribúenselle alomenos seis furtos de flores valoradas en 270 euros 
▶ Foi identificada grazas á colaboración cidadá
Reposición de plantas nunha das rotondas. PLP
photo_camera Reposición de plantas nunha das rotondas. PLP

A Policía Local de Poio conseguiu identificar, grazas á colaboración cidadá, á ladroa de plantas nas rotondas do municipio, que resultou ser unha muller, veciña de Sanxenxo, de 66 anos de idade. Actualmente está a ser investigada por un presunto furto continuado de plantas en varias rotondas de Poio valoradas nuns 270 euros, despois de que unha testemuña achegara á Policía Local unha fotografía na cal se observa á presunta autora no momento no que se ausenta tras subtraer as plantas na semirrotonda de Combarro, dirixíndose a un vehículo pequeno de cor negra. Ao mesmo tempo, a Policía Local recibía outro aviso que comunicaban un posible furto de plantas nun edificio de Poio, que apuntaba novamente a unha muller cun coche negro.

Cabe lembrar que hai unhas semanas a Policía Local pedira a colaboración cidadá para dar coa presunta autora dos roubos polo que, finalmente, puido identificar con total seguridade ao vehículo e á autora dos furtos.

Así, iniciáronse as dilixencias para trasladar ao xulgado os presuntos delitos continuados, recollendo a denuncia, neste caso a dun representante do Concello de Poio, onde figuran os lugares dos furtos, o tipo de plantas e o valor do subtraído.

A Policía Local pediu a colaboración cidadá hai unhas semanas. PLP
A Policía Local pediu a colaboración cidadá hai unhas semanas. PLP

Os roubos

  • O 10 de febreiro de 2023 na raqueta de canalización do tráfico sita na confluencia de Avenida da Cruz, Avenida da Costa e Camiño Real, na parroquia de Combarro, furtáronse unhas 30 plantas de tempadas (violas) cuxo valor total é  de 97,50 euros.
  • O 17 de abril de 2023, na raqueta de canalización do tráfico que existe na confluencia da Avenida da Praia con Camiño Canteira, Lourido, San Salvador de Poio,  subtráense 10 diplademias, con valor de 79,75 euros.
  • O día 19 de abril do 2023, na glorieta da Avenida Peirao Besdada en confluencia coa Avenida Andurique e Porteliña, subtraen 10 surfinias con valor 29,50 euros.
  • O día 20 de abril de 2023, na glorieta onde conflúe a Avenida Seca, con Avenida Seara e a PO-535, subtraen 12 alegrías (sunpatien), cun valor de 35,40 euros.
  • O día 27 de abril de 2023, na glorieta onde conflúen a Avenida Peirao Besada con PO-309, subtraen 4 alegrías (sunpatien) cun valor de 11,80 euros.
  • O día 27 do mesmo ano e mes, na glorieta onde conflúe a Avenida Andurique, con Avenida A Barca e Avenida Antelo e Mariño, subtraen 10 xeranios con valor de 20 euros.