A unidade 'Coidados porta a porta' da Xunta de Galicia chega ao Revel

▶ A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, animaron á veciñanza maior de 55 anos a acudir ás consultas de audioloxía, podoloxía e memoria, no aparcamento do campo de fútbol
A Conselleira e o alcalde este martes durante a visita. ANXO LORENZO
photo_camera A Conselleira e o alcalde este martes durante a visita. ANXO LORENZO

A unidade móbil Coidados porta a porta, que ofrece á veciñanza maior de 55 anos dos diferentes municipios galegos a posibilidade de acudir a unha consulta gratuita de audioloxía, podoloxía e memoria, permanecerá os vindeiros días en Sanxenxo. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acudiron este martes ao punto onde estará ubicada ata o vindeiro xoves día 14, no aparcamento do campo de fútbol do Revel, para animar á veciñanza maior de 55 anos a utilizar este servizo polo que, ata o momento, tal e como explicou a conselleira, xa pasaron 40 persoas do municipio.

García fixo tamén balance do funcionamento dun sistema que calificou como exitoso a nivel galego, e reafirmou o compromiso do Goberno autonómico de continuar ofrecendo "cada vez máis servizos" nos lugares onde viven os maiores. "É algo fundamental e primordial para a Xunta de Galicia, e tamén por suposto no interior dun concello que é idílico para moitos visitantes e veraneantes que veñen a Sanxenxo", sinalou, á vez que lembrou o "reforzo de servizos" como Axuda no Fogar (SAF), do que se benefician 24.000 persoas en Galicia, ou Comer en Casa, que leva menús semanais aos fogares de 1.800 persoas na comunidade. Pola súa banda, a unidade móbil xa atendeu a 2.700 persoas en 37 concellos da provincia de Pontevedra, 

O alcalde quixo destacar que "en Sanxenxo levamos moitos anos prestando atención ás persoas maiores, temos un Centro de Día municipal, un Servizo de Axuda no Fogar moi bo, obradoiros de memoria e unha piscina que foi adaptada cando se fixo para que os maiores poidan meterse nela, pero todos estes servizos non serían posibles sen a axuda da Xunta". Dito servizo regresará a Sanxenxo nos vindeiros meses ata en dúas ocasións máis, e aquelas persoas que queiran acudir xa poden facelo pedindo cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 922, así como no correo electrónico [email protected].