Telmo Martín (PP): "Sempre nos volcamos na ría de Pontevedra, e agora toca recuperar a fachada de Arousa"

Das oito candidaturas presentadas en 2019, o panorama electoral queda reducido á metade, cun voto máis concentrado, no que o PP de Telmo Martín aspira a revalidar a maioría dun "Goberno forte" que vai a pola década
Telmo Martín na praia da Carabuxeira. DAVID FREIRE
photo_camera Telmo Martín na praia da Carabuxeira. DAVID FREIRE

Unha das grandes novidades no PP é a reintegración de SAL. Estamos ante un Telmo Martín reforzado?
Temos a un Telmo Martín unificador. Cando me presentei por terceira vez en Sanxenxo no ano 2015 e vimos o que pasara coas divisións no partido aquí e en toda Galicia, foise facendo unha labor integradora. Cando se creou SAL, quixeron romper co PP, pero con esas cousas non se lle fai dano aos partidos, senón ás persoas. Fíxate o que foron os primeiros dous anos do cuatripartito. 

O panorama que se presenta é PP contra esquerda.
Se nos presentamos catro nada máis é porque a cidadanía ve ben que non haxa tanta ensalada de partidos. Eu son partidario de respectar as minorías, pero non de que as minorías te condicionen á hora de facer un Goberno forte e sólido, que saque adiante proxectos importantes. Os gobernos fortes son os que mellor resultado dan. 

Pensa revalidar a súa maioría?
Gustaríame repetir o resultado de 2019. Ter 10 concelleiros de 17 é un Goberno sólido, unido e traballador. Así se demostrou. Conseguimos sacar adiante proxectos moi importantes.

A min que me digan unha soa das obras que facemos que non deberiamos. Facemos todo o necesario, e faremos máis"

Ten 151 actuacións no programa. Das xa realizadas, cal fixo historia?
Esta lista é incluso máis ampla, pero estas 151 actuacións son fundamentais. Non me gusta destacar unha ou outra, pero a máis potente foi a do colexio de Vilalonga, por ser un tema educativo. A educación é vital e, de feito, un dos puntos do noso proxecto é facer unha reforma importantísima no colexio da Florida.

E cal é a actuación estrela para un posible vindeiro mandato do PP?
Máis que favorito, é un proxecto necesario: a recuperación de toda a fachada marítima da ría de Arousa, dende Dena (Meaño) ata O Grove, e que remata na Revolta. Poñer en valor esa ría, que é moi rica para o marisqueo e a pesca é importante, e tamén todo o tema ornitolóxico e unha senda nesa fachada marítima. É un proxecto que temos que executar nos vindeiros catro anos, e que xa estamos comezando coa Telleira. Temos a sorte de estar bañados por dúas rías, sempre nos volcamos na de Pontevedra e agora tócalle á de Arousa.

Cales serían os piares da axenda de goberno?
Temos tres obxectivos principais: manter os impostos o máis baixos posible, no mínimo legal, e mellorar todos os servizos municipais, en especial os relacionados coa infancia e os maiores, e tamén coa xuventude. O dos maiores preocúpame especialmente e estamos traballando proxectos a nivel público-privado coma as residencias. Aquí temos cinco clubes de xubilados, pero hai que buscar un espazo de convivencia máis alá. No que respecta á sanidade, o ano pasado puxemos vivendas a disposición dos médicos, e este ano volveremos apoiar este eido cun novo convenio. En terceiro lugar, as infraestruturas pendentes. Humanizar o centro de Vilalonga agora que rematamos a praza, reforzar o seu atractivo e seguir dotando de aparcamento, a mellora da estrada de Adina, a senda de Miraflores e moitos máis, coma a reforma do porto de Portonovo.

Ter 10 concelleiros de 17 é un Goberno sólido. Así se demostrou. Conseguimos proxectos moi importantes"

Din que Telmo Martín é o alcalde das obras. Que opina?
Temos os impostos baixos, un centro de día, dúas escolas infantís, apoiamos aos clubes, facemos eventos e moitas accións sociais, pero tamén temos que modernizar o municipio. A min que me digan unha soa das obras que facemos que non deberiamos facer. Facemos todo o que é necesario, e aínda faremos máis. Sanxenxo ten que ser cidade única. Todos os seus quilómetros cadrados teñen que ser igual de bonitos vivas onde vivas, no rural ou na cidade. Toda a tarta ten que ser saborosa en todas as súas esquinas. Un alcalde ten que ser creativo. Non podes estar á fronte dun concello e que tiren por ti, senón ti polos demais e poñer os medios, que é o que poñemos nós. Cheguei aquí no ano 99 e non abría ningún hotel todo o ano. Hoxe abren máis de 20 e abrirán máis. Estamos loitando por todo isto e estase vendo. Tamén imos crear un sistema de 52 eventos en Sanxenxo ao ano, un por fin de semana, coordinados coas asociacións. Teño clarísimo que o futuro de Sanxenxo para seguir crecendo turísticamente pasa por facer cousas aquí, consensuadas cos colectivos, empresas e clubes. No verán triunfamos, pero hai que manterse. A terceira tempada ten que ser o Nadal.

De asumir un novo mandato, encadearía unha década como alcalde. Cal é o seu obxectivo para Sanxenxo a longo prazo?
Chegar aos 20.000 habitantes. É un requisito que precisamos para recibir máis fondos do Estado. Sanxenxo leva vivindo moitos anos do turismo pero hai moitas cousas que están cambiando. Por iso queremos encher o parque empresarial de Nantes e consolidarnos coma un municipio que vive do turismo, pero que vai máis alá. Hai sectores da economía nos que non se precisa traballar presencialmente, como se demostrou coa pandemia. Esas familias que viven nas cidades, poden vir aquí a vivir. Con isto teriamos un tecido económico diferente. O 8% de paro é un éxito para nós, pero queremos facilitar as cousas aos empresarios que queiran investir aquí. Tamén potenciar a cultura. O futuro dos pobos pasa pola cultura, e sen ela non hai nada.

A idea de perder a Alcaldía queda lonxe?
Estou convencido de que se entrara outro Goberno sería un retroceso de tal envergadura para Sanxenxo que se produciría un freazo moi grande. Nestes momentos atrévome a dicir con toda a humildade que non sería bo un cambio. Ten que haber un Goberno coma o noso, reforzado e forte, que demostrou levarse ben con todas as administracións e que foi un éxito neste mandato. Está aí para ver. Non están as cousas como para perder o tempo.