Telmo Martín estima que "nun par de anos" quedará resolta a problemática da fibra óptica

O alcalde de Sanxenxo valorou como "un traballo moi bo" a auditoría encargada polo Concello hai un ano, que permitiu realizar un inventario das zonas con conexión
Varios establecimientos hosteleros de A Lanzada han reivindicado la necesidad de conexión. RAFA FARIÑA
photo_camera Varios establecimientos hosteleros de A Lanzada han reivindicado la necesidad de conexión. RAFA FARIÑA

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, valorou a problemática da fibra óptica no municipio, que conta con varias parroquias do rural aínda sen posibilidade de conexión, e estimou que "nun par de anos vai quedar todo moi ben resolto". Neste sentido, asegurou, "en Sanxenxo precisamos a fibra óptica" pero, lembrou, "é certo que vai lento e é un tema que depende de Madrid".

Para o alcalde, dende o Concello, "fixemos un traballo moi bo, porque vai facer un ano que fixemos unha auditoría. Xa neste ano 2022 se están resolvendo moitas cousas, pero para o que vén vanse resolver moitas máis", garantiu.

Martín quixo aproveitar a ocasión para explicar que "no tema eléctrico só hai un responsable que é Naturgy, Fenosa para entendernos, e aínda que outra compañía poña as liñas, a dona é Fenosa". En cambio, manifestou, "no caso das comunicacións da fibra óptica non é así. Podes pedilas a calquera compañía, o que pasa é que non hai un inventario diso. Nós fixemos ese inventario, e tivémolo a disposición pública dous meses. Calquera veciño que tiña un problema podía chamar ou poñer unha alegación, e a empresa explicáballe como podía facer", dixo.

Cabe lembrar que, tal e como anunciou o Concello a mediados de xuño, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital deu luz verde a ter en conta as alegacións formuladas polo propio ente local de cara ao próximo despregue de fibra, que prevé incluir varias zonas de Noalla, Dorrón e Nantes. Pola súa parte, o sector hosteleiro da Lanzada reivindicou en máis dunha ocasión a necesidade de obter a conexión demandada pola clientela.