A subasta, centro do interese turístico nas visitas guiadas á lonxa de Portonovo

▶ A iniciativa impulsada pola Confraría de Pescadores agarda superar as 100 visitas este ano e xa conta con reservas de cara ao mes de agosto
Turistas durante unha visita guiada á lonxa de Portonovo. DS
photo_camera Turistas durante unha visita guiada á lonxa de Portonovo. DS

Un total de nove turistas chegados de diferentes puntos do Estado foron os agraciados que gozaron este martes da visita guiada inaugural á lonxa de Portonovo, un percorrido de arredor dunha hora e media que, para moitos deles, supuxo toda unha revelación. "As subastas antigas facíanse a voz, e era complexo para o subastador saber a quen pertencía cada lote. Logo pasouse aos pulsadores, aos mandos e agora á radiofrecuencia e incluso facemos subastas telemáticas a través do Whatsapp". Así conta a responsable de Turismo da lonxa, María Fernández, unha das explicacións que máis chama a atención dos asistentes, que asisten abraiados a unha subasta en directo en cada percorrido.

Para outros, o descoñecemento de que as redeiras non só reparan as redes, senón que tamén as fabrican, resulta extraordinario, no marco dun itinerario que comeza ás 18.30 horas cada martes e xoves durante os meses de xullo e agosto, e que este ano agarda poder abarcar tamén parte do mes de setembro. E é que as previsións son moi boas. "O ano pasado chegamos ás 100 visitas e este ano imos ter tirón, xa temos reservas para agosto. No primeiro día recibimos moitas visitas e agardamos acadar as 100 ou superalas", asegura Fernández.

A experiencia non é para menos. Grazas a ela, as visitas toman conciencia, en primeiro lugar, da «importancia da pesca en Portonovo e como evolucionou o pobo e as artes de pesca», conta. Neste sentido, axudados polas miniaturas na sala de artes de pesca, os guías explican tamén ao turismo de xeito detallado cada arte de pesca que se practica na vila e as súas capturas asociadas, repasando tamén a actividade das redeiras, a importancia de protexer o medio ambiente e o comercio minorista. Tras a visita, ás 19.00 horas comeza a subasta, e a visita finaliza no peirao, onde os asistentes poden coñecer in situ as embarcacións de captura de polbo, os barcos do cerco ou de enmalle, e continúan cara a nave de redeiras.

A actividade, que agarda xerar moita expectación esta tempada, ten un prezo de 9 euros para adultos, 6 para cativos de entre cinco e 12 anos, e gratis para o resto.

Captura do polbo
"Este vai ser un ano de nécora"
Tras a apertura da veda do polbo, a Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo acadou os 600 quilogramos na primeira xornada, unha cifra que dista moito do ano anterior. "Este vai ser un ano de nécora, non de polbo. O ano pasado capturamos 1.000 quilos e co deste ano xa podemos facer unha predición. O prezo mantívose, pero as capturas baixaron, afectadas pola temperatura da auga e a lúa", explicou María Fernández.