SOS Sanidade Sanxenxo pechará a recollida de sinaturas para a ILP nas festas de Adina

A Plataforma solicitou ao Concello que facilite autobuses para desprazar á veciñanza que queira acudir á manifestación convocada en Santiago de Compostela o 12 de febreiro
Manifestación pola sanidade fronte ao centro de saúde de Baltar. DS/ARQUIVO
photo_camera Manifestación pola sanidade fronte ao centro de saúde de Baltar. DS/ARQUIVO

A Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo levará a cabo un acto de peche da campaña da recollida de sinaturas que realizou durante os últimos meses para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola sanidade durante as festas de Adina.

O acto terá lugar no día grande das celebracións, este domingo 22 de xaneiro, no marco da celebración, dende as 12.30 horas, para posteriormente facer entrega das sinaturas recollidas durante a campaña, con prazo ata o día 27 de xaneiro.

Dende o colectivo pediron tamén á veciñanza de Sanxenxo e dos municipios limítrofes a súa participación na manifestación promovida por SOS Sanidade Pública Galicia, co lema Queremos a nosa Atención Primaria, que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 12 de febreiro (12.00 horas).

AUTOBUSES. Dende a Plataforma explicaron que, para facilitar a participación de todas as persoas que queiran acudir á manifestación, o colectivo traballa en facilitar autobuses á veciñanza. A voceira, Ana Belén Fernández Camiña, vén de presentar unha solicitude por rexistro ante o Concello de Sanxenxo neste sentido, solicitando o seu apoio loxístico á mobilización, con autobuses que saian dende os centros de saúde do municipio, en Baltar e Vilalonga. Ademais, a plataforma tamén solicitou ao Goberno local o pago dunha pancarta reivindicativa para o sector de Sanxenxo.