SOS Sanidade Sanxenxo critica a falta de apoio do Concello á mobilización en Santiago de Compostela

O colectivo, que pedira medios para poder acudir á convocatoria ao Goberno local, denunciou a negativa recibida
Manifestación pola sanidade fronte ao centro de saúde de Baltar. DS/ARQUIVO
photo_camera Manifestación pola sanidade fronte ao centro de saúde de Baltar. DS/ARQUIVO

A plataforma SOS Sanidade Sanxenxo criticou a falta de apoio do Concello á mobilización pola sanidade programada de cara ao mes de febreiro en Compostela e denunciou que "tras meter por rexistro a petición de medios ao órgano de Goberno, para a manifestación pola Sanidade Pública do vindeiro 12 de febreiro", o alcalde, Telmo Martín, contestou a unha das integrantes que "ten por norma non subvencionar manifestacións de certas cores políticas". 

O colectivo valorou que "quen ten as competencias é quen debe aportar as solucións e non arremeter contra as persoas, asociacións e plataformas por defender dereitos, nin botar balóns fóra, enturbiar e non cumprir co seu mandato como institución pública ao servizo das persoas e non do seu partido. Todas as persoas que conformamos a Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo, reivindicamos o dereito a unha sanidade pública de calidade e atención digna. As competencias sanitarias en Galicia tennas o Conselleiro de Sanidade; de aí a presentación da ILP no Parlamento Galego, para que se debatan alí onde se toman as decisións de índole sanitario, as nosas reivindicacións e propostas", aseguraron.

Ademais, aproveitaron para para facer un chamamento para a participación na mobilización que convoca a Asociación de Veciños Castelao e que se levará a cabo este venres, ás 20.00 horas, na Praza da Peregrina (Pontevedra).