SOS Sanidade Sanxenxo alerta da situación do centro de saúde: a metade de médicos e citas a quince días vista

Dende a plataforma denunciaron tamén da situación particular das urxencias e de pediatría, criticando, en primeiro lugar, que son atendidas por un facultativo vía telefónica
A plataforma está levando a cabo unha recollida de sinaturas por todo o municipio. DS
photo_camera A plataforma está levando a cabo unha recollida de sinaturas por todo o municipio. DS

Catro médicos en activo do total de oito e tres durante as saídas por urxencias. Así foi a atención no centro de saúde de Baltar durante a xornada do pasado martes, segundo denunciaron dende a plataforma en defensa da sanidade pública local SOS Sanidade Sanxenxo, desde onde aseguraron que, "ao non existir substitutos" dos médicos ausentes, isto "provoca que a metade dos pacientes do centro de saúde non teñan máis posibilidade de cita que dous días soltos para a segunda semana de outubro. E, a outra metade, citas a quince días vista". 

Ademais, dende a plataforma alertaron tamén da situación particular das urxencias e de pediatría, criticando, en primeiro lugar, que son atendidas por un facultativo vía telefónica, o que valoraron coma "un despropósito total", e que "fai que cada día se sature máis ao persoal e instalacións do hospital de referencia, e que os  pacientes cheguen en peores condicións de saúde ao mesmo".

En canto ao servizo de pediatría, explicaron, "a Valedora do Pobo leva anos dándolle tiróns de orellas ao Sergas por non facer nada por mellorar a situación e por ver como, ano a ano, este servizo se deteriora". Dende SOS Sanidade Sanxenxo aseguraron estar cansos "de que os problemas se arranxen de forma aparente cara as eleccións e logo se volva ao mesmo ou peor. Se no 2.017 había dous facultativos en pediatría, agora non hai ningún, un causa baixa indefinida e a outra xubilouse", explicaron. "Neste caso fan como coa ambulancia medicalizada e como con case todos os recursos sanitarios, en vez de contratar máis, adícanse a sacar dun sitio para meter noutro, deixando carencias en todos lados", afearon.

A plataforma quixo denunciar tamén "a tomadura de pelo do Sergas cando afirma que a atención primaria está garantizada a pesar de contar con menos da metade da plantilla habitual de médicos de familia, e levar desde xullo sen pediatra e de forma indefinida. O Sergas recoñece a dificultade de cubrir plazas en todo o territorio galego, pero esquécese de dicir que esa dificultade débese a máis dunha década sen cubrir as prazas vacantes por xubilacións, usando contratos interinos e con deplorables condicións laborais. A cambio, ofrecen a solución de ampliar as competencias e sobrecargar de traballo ao sector de enfermaría, o cal, nestes momentos conta coa segunda peor ratio de toda España", manifestaron.