Sanxenxo e Vilagarcía enxalzan a figura de Fernández del Riego polo Día das Letras

Carril e a sanxenxina praza de Pascual Veiga foron os epicentros da celebración, con música, bailes tradicionais e entrega de premios

Sanxenxo e Vilagarcía homenaxearon este 17 de maio a figura de Francisco Fernández del Riego con música, bailes tradicionais e entrega de premios.

En Sanxenxo, a Praza de Pascual Veiga foi o epicentro da celebración pola tarde, co acto homenaxe a Francisco Fernández del Riego, que contou coa actuación do grupo Abiñadoira, presidido pola edil de Cultura e Educación, Paz Lago. A mesma praza tamén acolleu a entrega de premios do certame Picariños, organizado polo Círculo Cultural de Sanxenxo, que homenaxea á figura do mestre Hermida, amplamente recoñecido no municipio pola súa labor pedagóxica e divulgativa. Os cativos e cativas que resultaron gañadores do certame, e que recibiron cadanseu agasallo, foron: Julieta Vidal, Veras Aspres, Lola Castiñeiras, Noah Martínez, Xandre Sanmartín, Valentina Cal, Cristian Cal, Carmen Alonso, Sofía Cherkaoui, Mauro Rodríguez, Daniel Galiñanes, Patricia Sasu, Jenifer Radio, Sofía Piñeiro e Dana Aspres.

Gañadores e gañadoras do certame. DS
Gañadores e gañadoras do certame. DS

Pola noite, a celebración trasladouse a Portonovo, onde o CEIP de Portonovo acolleu un Festival das Letras Galegas, coas actuacións da Coral Polifónica Sta. María Adina de Portonovo e Os Gatiños Portonovo. Este acto sumouse á xornada de celebración en horario escolar que tivo lugar o pasado martes, e na que participou todo o alumnado.

Este venres, ademais, o Pazo Emilia Pardo Bazán acollerá o Obradoiro de Música Represaliada (20.00 horas), a cargo de Xurxo Souto, organizado polo Programa o Pasado por Vir e a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Sanxenxo.

Actuacións no CEIP de Portonovo. DS
Actuacións no CEIP de Portonovo. DS

En Vilagarcía a celebración das Letras Galegas levouse a cabo en Carril, onde o baile e música tradicional da man da Escola do Gatonegro do Grupo Malveiras, a ofrenda floral a Rosalía e o concertazo de De Vacas na Praza da Liberdade, deixou unha xornada inesquecible.

A programación en conmemoración das Letras Galegas continúa ata finais de mes a través das dúas exposicións en torno a Francisco Fernández del Riego na Sala de Exposicións do Auditorio e na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro.