Sanxenxo suma 20 colonias ferais máis dende o verán e busca casas de acollida

▶ A Asociación Peludos Invisibles restrinxe as adopcións durante a época do Nadal para mermar potenciais abandonos

▶ Os puntos negros no municipio sitúanse no polígono de Nantes e no lugar de Reis

Gatos de una colonia feral en Sanxenxo. DS
photo_camera Gatos dunha colonia feral no municipio. DS

Dende o pasado mes de xuño Sanxenxo sumou unhas 20 colonias ferais máis á listaxe de arredor de 40 que xa mantiña durante as datas do verán. Trátase dun dato sobre o que alertou a Asociación Peludos Invisibles de Sanxenxo (APIS), que traballa de xeito voluntario no municipio para a protección dos gatos en situación de abandono, así como para a xestión de boa parte das colonias, e que actualmente carece de casas de acollida para os animais que así o precisan.

Esta cifra, que ten que ver co crecemento das colonias por si mesmas, e tamén cun maior número de novas altas no rexistro que actualmente xestiona o Concello de Sanxenxo, a causa da "maior información" achegada a particulares que adoitaban encargarse de xeito individual das colonias das súas respectivas zonas, tal e como explicou a presidenta da asociación, Amalia González, agrávase tendo en conta a época do Nadal, na que moitos animais son usados como agasallos, o que provoca, segundo González, un efecto rebote en poucos meses. "Moitas veces en Nadal adóptanos e aos tres ou catro meses véñennos de volta. Un animal non é un bolso que se poida devolver", lembrou. Por este motivo, APIS xa restrinxiu as adopcións durante este periodo. "Vémolas máis en profundidade e estamos máis alerta", asegurou.

Pexego, o gato operado da cadeira, á espera de atopar un fogar. DS
Pexego, o gato operado da cadeira, á espera de atopar un fogar. DS

De feito, o Nadal non é a única época do ano na que a asociación reduce as adopcións, a pesar da elevada carga de traballo que supón a custodia dos animais de xeito voluntario para a entidade. "Entre outubro e novembro non facemos entrevistas debido a certas prácticas asociadas a Halloween, a modo de prevención, e en Nadal mirámolas con lupa", explicou González.

No municipio, explicou, os puntos negros a nivel de abandono de gatos atópase no polígono de Nantes, nas inmediacións do supermercado que se atopa á súa entrada pola vía rápida, e tamén na zona de Reis, detrás de Padriñán, nunha extensión rural que combina vivendas con monte e contedores do lixo, onde adoitan aparecer camadas.

FALTA DE ACOLLIDAS. Dende APIS, Amalia González lamentou a falta de casas de acollida no municipio, posto que actualmente a entidade non conta coa rede necesaria para atender os posibles abandonos que poidan xurdir nos vindeiros meses. Neste momento, se ben as ratios de atención directa aos gatos abandonados que mantén a asociación son baixas, con tres animais, un deles, Pexego, recentemente operado, e outros dous gatos de dous meses que se atopan pendentes de entrevista para a súa adopción, a presidenta da entidade sinala que se trata do límite que actualmente pode abarcar.

Un dos gatos que actualmente coidan desde a asociación á espera de ser adoptado, de dous meses de idade. DS
Un dos gatos que actualmente coidan desde a asociación á espera de ser adoptado, de dous meses de idade. DS

Neste sentido, a entidade pide á cidadanía máis implicación á hora de solidarizarse cos gatos en situacións de abandono. "Ter unha rede de tres ou catro casas de acollida permitiríanos atender máis casos. Esa é unha asignatura pendente, porque a xente non se implica ata ese punto. Chámannos para que recollamos aos gatos cando os atopan, pero non os queren atender, nin tendo en conta que APIS corre con todos os gastos. Se mañá aparece unha camada non temos onde metela", asegurou a presidenta.
 

Financiación:
Unha listaxe de iniciativas solidarias
A pesar de que o Concello de Sanxenxo reparte cada ano entre as colonias ferais a partida para financiar esterilizacións a través do CES, a actividade de APIS abarca os coidados daqueles animais que o precisan e gastos veterinarios. Neste sentido, Amalia González explica que os gastos máis recentes ascenderon a un total de 3.000 euros para cirurxías e postoperatorios en "dous casos moi seguidos, no mesmo mes. Un tiña a pata rota e outro a cadeira e unha pata", conta.

Para financiar este tipo de actuacións veterinarias e para correr cos gastos de manutención dos animais, a asociación leva a cabo e participa en diferentes iniciativas solidarias. Algunhas delas, como o caso mencionado, adoitan ser campañas directas a través das redes para pedir donativos, mentres que tamén mantén activo un grupo de teaming cunha rede de persoas que aportan un euro cada mes para a causa."O obxectivo é chegar aos 100", explica González, que neste momento conta 71 participantes.
Outras iniciativas son os petos solidarios repartidos entre o comercio local, e que están a ter certo éxito entre os comerciantes, e a asociación tamén porá en marcha unha liña de distintivos para o comercio local colaborador. A venda de artesanía en diferentes eventos, ou o Bingo Solidario do Concello que tivo lugar este mes son outras accións que completan a listaxe.