Sanxenxo recibirá tres médicos de Madrid: "lamento a tardanza para convalidar o título"

O alcalde, Telmo Martín, manifestou o seu desexo de que se ocupe a cuarta vivenda, que recibiu varias ofertas que tiveron que ser descartadas por mor do requisito de convalidación
Sinatura do convenio en Sanxenxo. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Sinatura do convenio en Sanxenxo. BEATRIZ CÍSCAR

O municipio de Sanxenxo contará, polo momento, con tres médicos procedentes de Madrid que ocuparán tres das catro vivendas ofrecidas de xeito gratuito polo Concello para prestar servizo durante o verán. Despois de que dous deles asinaran o contrato este mesmo venres, agárdase que un terceiro o faga de xeito inminente, tal e como explicou o alcalde, Telmo Martín.

O alcalde manifestou tamén o seu desexo de que se ocupe a vivenda libre que aínda queda e lamentou "a tardanza para convalidar os títulos", e que "se teña que tardar un ano, cando a formación que teñen é moi boa e xa me gustaría que quedaran en Sanxenxo algúns dos que van a vir". De non ser así, afirmou, "teriamos máis médicos. Hai unha falta deles en toda España e eu creo que se fixeron as cousas mal no pasado, non se calibraron ben estes temas", valorou.

Neste sentido, o alcalde explicou que os facultativos proveñen da comunidade autónoma de Madrid e que «teñen que reunir os requisitos e o Sergas non quere contratar a nadie que non os teña ao cen por cen». Os tres médicos que serán contratados, manifestou, «comezarán a traballar seguramente a semana que vén» e contan con todos os requisitos en orde.

Sen embargo, asegurou, foron "moitos máis" os facultativos que se interesaron pola oferta e que, sen embargo, "non puideron vir porque lles faltaba a convalidación do título".

Para sufragar os custes do aloxamento dos facultativos, que comezarán a traballar dende este mesmo mes ata setembro (inclusive), o Concello reservou unha partida de 32.000 euros, se ben nun principio estimaba un gasto de 24.000 euros, que dependerá de se, finalmente, consegue aloxar a un cuarto facultativo de cara á metade da tempada.