DIANA FDEZ. SOUTULLO: autora de ‘roteiros naturais de sanxenxo’

"Sanxenxo precisa un catálogo actualizado do seu patrimonio inmoble, inmaterial e toponímico"

Os roteiros máis emblemáticos e tamén os máis descoñecidos de Sanxenxo xa non permanecen únicamente na memoria daqueles que os estudan. Agora forman parte dun libro. Trátase da última edición da serie de volumes 'Sanxenxo na Historia', que recolle un artigo tan esclarecedor coma reivindicativo da man de Andarela
Diana Fernández Soutullo durante un dos roteiros. DS
photo_camera Diana Fernández Soutullo durante un dos roteiros. DS

Para Diana Fernández Soutullo, plasmar por escrito a sabedoría popular sobre os roteiros do municipio foi un xeito de compartir memoria e de asegurarse de que esta xa nunca se perderá. A oportunidade chegou da man das xornadas Sanxenxo na Historia, que vén de editar o seu VII volume, no que a pegada da Asociación Andarela, á que Fernández Soutullo pertence, e na que tamén se respaldou en todo momento, é unha declaración de intencións.

De entre todas as posibilidades de camiñar por Sanxenxo, cales destacaría?
Hai dous roteiros en especial, que en Andarela repetimos todos osanos. Son o de Chan da Gorita e o das Herbas de San Xoán. Os motivos non son outros que a súa riqueza arqueolóxica no caso de Chan da Gorita, que ten unhas vistas espectaculares cara a ría de Arousa e a ría de Pontevedra, unha gran riqueza e unha toponimia moi interesante. No caso das ‘Herbas’, hai que dicir que en moitas parroquias do arredor faise a festa de San Xoán, pero na parroquia do Santo, por onde discorre o noso roteiro, é onde se di que Xoán de Navarrete obrou o seu milagre. O que está claro é que hai un patrimonio en torno a esta figura coma a fonte de San Xoán, que ten unha historia detrás. Non é simplemente un acuífero.

En que punto se atopa a recuperación da fonte?
Andarela pediamos que non se formigonara ese treito coa obra da estrada. Non se perdeu todo o acuífero pero si unha parte importante. O que pedimos agora é que se restitúa o estado no que se atopaba ese tramo, a natureza colle o que lle pertence. Gustaríanos que se identificara a fonte e se adecentara o exterior, ademais de catalogalo. Sanxenxo precisa un catálogo actualizado do patrimonio inmoble, inmaterial e toponímico.

Avanzouse con Chan da Gorita?
Fíxose unha sinalización mediante o traballo do antropólogo Rafael Quintía, que se basou nas lendas. Nós pedimos que se identifiquen e sinalen correctamente as mámoas e os lugares, porque no catálogo da Xunta están mal ubicadas. Ademais, habería que chegar a un acordo cos propietarios das fincas.

Cre que os roteiros de Sanxenxo poderían chegar a ser un atractivo turístico por si só?
Hai realmente moitas posibilidades neste territorio. A Sanxenxo moitas cousas véñenlle dadas, e só falta poñer en valor os nosos roteiros naturais. Cada vez vemos máis persoas andando polos camiños do municipio. Se houbera máis roteiros fáciles e indicados, a xente camiñaría máis.

Que roteiros son aínda descoñecidos no municipio?
Temos o da Lagoa da Cachada, e toda a banda cara a ría de Arousa, coma o Campo dos Leiros onde estaban as salinas, todo o complexo intermareal, onde pasa o roteiro do Padre Sarmiento, pero hai moitos problemas nesa zona, que é espectacular, con toda a historia da industria. Moitos veciños de Sanxenxo non coñecen aínda esta zona.