Sanxenxo pon a camiñar aos seus maiores nun novidoso dobre programa

Servizos Sociais impulsa 'Camiñemos Xuntos' e 'Camiños saudables', que compartirán obxectivos e a potenciación de diferentes enclaves
Participantes nunha actividade en Sanxenxo. DAVID FREIRE/ARQUIVO
photo_camera Participantes nunha actividade en Sanxenxo. DAVID FREIRE/ARQUIVO

A Concellería de Servizos Sociais de Sanxenxo, dirixida por Paz Lago, vólcase no fomento da vida saudable entre os maiores coa posta en marcha de dous novos programas paralelos dirixidos ao Taller de Memoria e ao de Educación Física, que consistirán na programación de diferentes andainas nas que poderán facer exercicio de xeito controlado, socializar entre eles e elas e, ao mesmo tempo, coñecer diferentes lugares da contorna do municipio.

Ambos desenvolveranse tódolos venres a partir do día 7 de xuño ata o 5 de xullo e, no caso do Taller de Memoria, os participantes gozarán das actividades programadas no marco de Camiñemos Xuntos, que se adapta ás súas capacidades para realizar exercicio físico de xeito moderado e acompañado, a través de diferentes rutas deseñadas para isto dentro do municipio, para que poidan coñecer diferentes lugares de xeito ameno e distendido.

Con punto de partida dende a sede de Servizos Sociais ás 10.00 horas cada venres, os e as maiores participarán en cinco roteiros: Portonovo- Punta Seame-Cabicastro-Montalvo-Portonovo (7 de xuño); A Lanzada-Faxilda (14 de xuño); Portonovo-Vicaño-Sanxenxo (21 de xuño); Vilalonga-Lagoas de Arnosa-Telleiras (28 de xuño) e Nantes-O Con da Ventureira (5 de xullo).

Pola súa banda, a segunda actividade, Camiños saudables, estará dirixida ao grupo de Educación Física para Maiores, e busca trasladar a actividade física que xa realizan habitualmente, ao exterior, tendo en conta as condicións dos e das participantes, e co obxectivo de darlles a coñecer enclaves que destaquen pola súa beleza paisaxística ou cultural en Sanxenxo.

Neste caso, os roteiros previstos variarán a súa localización, comezando por Portonovo-Sanxenxo, o día 7 de xuño, con saída dende campo de fútbol de Baltar de Arriba (10.00 horas), para baixar ao paseo da praia de Baltar, camiñar ata Sanxenxo e volver con parada en Punta Vicaño para estirar e rematar a sesión.

O 14 de xuño será a quenda do sendeiro Areas-Dorrón, con saída de vehículos ás 9.45 horas do campo fútbol Baltar ou ás 10.00 horas do parking da praia de Areas. O sendeiro litoral Montalvo-Major (21 de xuño) e saída á mesma hora dende o campo de Baltar ou ás 10.00 horas dende a praia, será o derradeiro antes do roteiro especial de fin de programa, que terá lugar o 5 de xullo, esta vez fóra do municipio, para realizar a ruta fluvial Pedra da Auga en Ribadumia. A saída de vehículos será ás 9.45 horas do campo de fútbol de Baltar ou ás 10.00 horas dende o parking da entrada, xunto á saída da vía rápida en Barrantes. As persoas interesadas necestes programas poden contactar co departamento de Servizos Sociais no 986 727 901 ou no correo electrónico [email protected].