Sanxenxo ofrece ferramentas de estudo ao alumnado de primaria e secundaria

▶ A Concellería de Educación porá en marcha un plan de cursos de febreiro a xuño que incidirán na motivación, a planificación ou a lectura
As sesións levaranse a cabo no U.M. de Portonovo e nos centros. JAVIER CERVERA-MERCADILLO/ARQUIVO
photo_camera As sesións levaranse a cabo no U.M. de Portonovo e nos centros. JAVIER CERVERA-MERCADILLO/ARQUIVO

Motivación, autoestima, organización e planificación, lectura comprensiva ou expresión escrita e oral son os piares que, xunto co desenvolvemento da creatividade, a relaxación, habilidades sociais, a aprendizaxe significativa e o traballo individual e grupal nutrirán o sistema de estudo do alumnado de primaria e secundaria de Sanxenxo, a través dunha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Cultura, que servirá para reforzar as aptitudes do estudantado.

O plan de cursos estará adaptado aos niveis de 5º e 6º de Primaria, así como tamén á ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos e desenvolverase entres os meses de febreiro e xuño deste ano, unha vez por semana. A formación levarase a cabo no pavillón de Usos Mútiples de Portonovo e, no caso de alumnado de Educación Primaria, tamén se poderá desenvolver nos centros educativos onde o alumno estea matriculado, sempre e cando haxa un número mínimo de oito inscricións por colexio.

No caso da Educación Primaria poderase elixir entre os luns ou os xoves dende as 16.30 ou ás 17.30 horas, mentres que en Educación Secundaria, as clases terán lugar os venres de 18.30 a 19.30 horas. Tamén se farán sesións de atención ás familias, que levarán a cabo os mércores de 19.30 a 20.30 horas no Usos Múltiples de Portonovo.

Para realizar a solicitude cómpre cubrir o modelo normalizado e presentala de xeito presencial no rexistro do Concello de Sanxenxo ou na sede electrónica (terradesanxenxo.sedelectronica.gal), sempre que se dispoña de DNI electrónico ou sistema de autentificación Cl@ve.

A taxa de inscrición será de 20 euros, se ben están exentas do pago as familias numerosas de categoría especial e terán un desconto do 50% as familias numerosas de categoría xeral. Unha vez confirmado o día e hora da actividade, remitirase por correo electrónico a carta de pago para realizar o ingreso na caixa de calquera das entidades colaboradoras, nos caixeiros automáticos ou a través da pasarela de pagos da Oficina Virtual Tributaria do O.A. Terra de Sanxenxo.