Sanxenxo estrea letreiro luminoso na glorieta de entrada dende a autovía
O concello de Sanxenxo xa ten o seu letreiro luminoso co nome do municipio nunha das súas vías de entrada máis concurridas. Trátase da glorieta que enlaza a autovía do Salnés coa PO-504, e que nas últimas semanas foi obxecto dunha actuación de mellora por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que vén de rematar a actuación valorada en preto de 48.000 euros.
Esta obra deu continuidade ás realizadas durante a pasada primavera coa mellora da capacidade do enlace. Nesta fase, púidose mellorar a imaxe da entrada ao municipio, acondicionando o anel interior da glorieta e as illas nos accesos.
Máis concretamente, as actuacións consistiron na rehabilitación do pavimento do gorxal da glorieta, que se formalizou en adoquín de formigón. Este elemento é importante para a funcionalidade da rotonda, ao ser o borde entre os carrís de circulación e o anel interior. Tamén se renovou o axardinamento da glorieta e instaláronse as letras retroiluminadas co nome do concello de Sanxenxo, orientadas ao acceso desde a autovía, e que agora xa locen no interior da rotonda.
Unha vez finalizados os traballos, o Concello de Sanxenxo pasa a asumir a conservación e mantemento da rotonda, e tamén se terá que facer cargo de renovar a iluminación interior da glorieta nos casos nos que sexa necesario acometer unha pequena actuación deste tipo, con carácter de conservación.