A Rúa dos Viños de Portonovo celebrará un evento musical solidario en favor da AECC de Sanxenxo

A cita terá lugar o vindeiro 15 de outubro no Campo de San Roque e contará cunha decena de grupos, como colofón á programación de 'Música na Rúa' que se desenvolveu durante toda a tempada alta, e que contou coa afluencia de miles de espectadores
Ambiente durante o concerto de Pequeña Gran Compañía o pasado mes de setembro. NP
photo_camera Ambiente durante o concerto de Pequeña Gran Compañía o pasado mes de setembro. NP

Despois de ter reunido a miles de persoas durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro na emblemática Rúa dos Viños de Portonovo, a asociación do mesmo nome pon en marcha un gran evento para despedir a programación musical que encheu de vida e música as inmediacións dos locais da zona durante os meses da tempada alta e que, sen dúbida, foi todo un incentivo para potenciar as consumicións nos locais. Así, o colectivo celebrará o vindeiro 15 de outubro un evento musical que se desenvolverá no Campo de San Roque durante toda a xornada, dende as 12.00 ata as 23.00 horas, en favor da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Sanxenxo.

Dende o mediodía ata a noite, arredor dunha decena de grupos musicais, dos que oito xa están confirmados, tomarán o relevo na explanada co obxectivo de recaudar o máximo posible para doar de xeito solidario á entidade. Se ben a asistencia aos concertos, que protagonizarán moitos dos grupos que participaron durante o verán na programación de Música na Rúa, é gratuita, a recolecta económica realizarase a través da venda das pulseiras conmemorativas creadas pola mesma Asociación da Rúa dos Viños, que terán un custe de tres euros por unidade.

A maiores, tal e como explicou dende a asociación organizadora Noemí Pensado, tamén se habilitará un peto para que calquera persoa que así o desexe poida realizar a súa doazón particular ao longo da xornada.

Todo un dinamizador

A programación de Música na Rúa organizada polos establecementos asociados da Rúa dos Viños vén de baixar o telón esta tempada, deixando na asociación un moi bo sabor de boca. Tal e como destaca Pensado, algúns dos concertos programados chegaron a concentrar na rúa ata a 200 persoas de público, co conseguinte beneficio para os locais, ademais de actuar coma un dinamizador da actividade cada martes e mércores pola noite e os sábados e domingos en sesión vermú.

Dende o 15 de xuño ata finais do pasado mes de setembro, un total de 26 grupos de influencia a nivel local, provincial e incluso galega ofreceron diferentes actuacións repartidas polas diferentes zonas da Rúa dos Viños, de xeito que cada evento beneficiara de cheo a un grupo de locais en concreto, se ben todos os establecementos da rúa puideron gozar do ambiente xerado. "Auxudou moito a aumentar os beneficios para os locais da zona, pero tamén o fixemos como un premio para a xente de aquí, a clientela de sempre, para que tiveran un entretemento gratuito e puideran gozar da música debaixo da casa. Ademais, axudou moito a dar a coñecer a Rúa dos Viños, a xente animouse a vir e a experiencia foi moi boa", asegura Pensado.

Neste sentido, a organizadora destacou a afluencia de turistas de diferentes nacionalidades á zona, atraídos pola programación, como ingleses ou arxentinos. "Tamén viñeron moitos veciños, e moita xente repetiu varios días", engade. E, tendo en conta os bos resultados, afirma, "continuaremos coa programación o ano que vén".