Román Rodríguez visita os traballos de restauración da Capela da Lanzada

As obras consisten na limpeza da superficie pétrea do conxunto para consolidalo e está previsto o seu remate para finais de setembro para evitar a perda de elementos de valor artístico e cultural
Capela da Lanzada. DS
photo_camera Capela da Lanzada. DS

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comprobou este martes o avance das obras de restauración da capela da Nosa Señora de Lanzada. Esta actuación está enmarcada no compromiso do Goberno galego coa recuperación dos bens máis senlleiros do patrimonio cultural. “Isto materialízase nas case 130 intervencións que a Xunta ten en marcha neste momentos”, destacou Rodríguez.

O obxectivo desta intervención é garantir a conservación deste ben incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e evitar un posible deterioro irreversible ou a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar.

O conselleiro explicou que a previsión é que os traballos, que contan cun orzamento de case 110.000 euros, estean rematados a finais de setembro. Segundo sinalou, a actuación inclúe traballos de limpeza e consolidación na superficie pétrea.

Ata o momento xa se procedeu á retirada das xuntas de cemento e limpeza do paramento norte e ábsida. Os traballos de desalación da ábsida e o rexuntado do paramento norte tamén comezaron; ademais da revisión dos elementos das cruces e sopenas coa finalidade de valorar o seu estado de conservación.

A intervención continuará coa eliminación de vexetación e limpeza da superficie pétrea, coa consolidación das mesmas e o selado de gretas e fendas con morteiro. Ademais, acometerase a restauración das cruces e sopenas, en función dos resultados do devandito estudo. A maiores, executarase un estudo histórico-arqueolóxico mediante sondaxes arqueolóxicas manuais e farase un levantamento 3D da capela mediante fotogrametría, escalado e xeoreferenciado exterior, entre outros detalles.

Román Rodríguez lembrou que a Xunta ten dedicado no último lustro 55 millóns de euros á salvagarda do patrimonio cultural galego a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra.