O regreso da Festa da Muiñada preestreará a senda fluvial de Dorrón

Una de las primeras imágenes de la demanda histórica de la senda ya materializada. DS
►A celebración acada este 24 de xullo a súa V edición xa plenamente consolidada, tras oito anos de historia, con actividades e gastronomía
► Veciños e visitantes poderán acceder por primeira vez ao entorno do Muíño de Xián dende Areas, grazas ao avance das obras

A Festa da Muiñada regresa este 24 de xullo a Dorrón tras un parón pola pandemia e por "petición popular". Así o explicou onte a este medio a presidenta da asociación organizadora, Soalleira, María Agís, quen destacou que, se ben a causa da situación sanitaria a celebración non estaba no calendario de actividades do colectivo a principios de ano, "a mellora das condicións e a insistencia da xente fixo que nos puxeramos mans á obra" para sacar adiante unha emblemática cita que, ademais, este ano regresa vendo materializada a demanda histórica máis arraigada entre a veciñanza da zona: a senda fluvial.

O camiño, que se atopa actualmente en obras dende o pasado mes de xuño, en plena fase de execución, xa ten actualmente trazado o itinerario que discorre entre Areas e o Muíño de Xián, o punto arredor do que xiran as celebracións da Muiñada, e incluso máis alá, ata o lugar de Recarei. Se ben aínda quedan tramos por concluír, a senda xa é transitable para a veciñanza, a excepción dalgúns puntos onde é preciso atravesar o río onde esmorece o seu caudal, para poder completar o percorrido na súa totalidade, que se estenderá uns cinco quilómetros, grazas a un investimento que acada os 391.928 euros. Sen embargo, xa é posible acceder ata o punto onde se celebran os festexos dende Areas. Cabe lembrar que, o pasado mes de xuño, co inicio dos traballos, o alcalde, Telmo Martín, fixara como obxectivo que a senda estivera transitable en xullo, algo que, sen dúbida, conlevará importantes beneficios no que respecta ao acceso á festa.

Neste sentido, a previsión de afluencia, explica Agís, "é alta. Agardamos moita xente, que xa está chamando para reservar mesa". E non é para menos. A festa naceu hai oito anos e celebra esta vez a súa V edición a causa do parón pola pandemia, coa intención "de poñer en valor os muíños do pobo, o noso patrimonio, que era descoñecido".

PROGRAMACIÓN. A cita, que conta coa colaboración do Concello de Sanxenxo, comezará este domingo a partir das 11.00 horas cun roteiro polo entorno dos muíños, para continuar ás 12.00 horas coa actuación do grupo de gaitas de Soalleira. A partir das 13.00 horas terá lugar o tradicional concurso de empanadas de millo, que contará cun premio de 100 euros para o gañador, e que dará paso á churrascada popular ás 14.00 horas, a sete euros a ración, con chourizo e pan a 2,50 euros.

Pola tarde celebrarase o espectáculo infantil a cargo do Mago Noel (17.00 horas), e ás 18.30 horas actuará Soalleira. A partir das 20.30 a Charanga Fanfarria Furruxa animará a festa e volverase asar churrasco para a cea.

Medra o interese pola cita tradicional
Dende a Asociación Soalleira destacaron o crecente interese, tanto veciñal como, concretamente para esta nova edición, por parte dos turistas. "Moitos visitantes estivéronnos preguntando pola festa, e pedíronnos contacto para poder asistir", sinalou a presidenta, María Agís. O camiño estará sinalizado ata o lugar.