As redes énchense de ‘jatos’ na segunda edición do seu concurso fotográfico

O certame organizado pola Rúa dos Viños, Ollares de Portonovo e o Concello, premiará a representación máis atinada do evento
Unha das instantáneas presentadas ao certame. ARV
photo_camera Unha das instantáneas presentadas ao certame. ARV

A Festa do Jato de Portonovo, que se celebra cada ano no sábado seguinte ao martes de Entroido, volverá premiar este ano á mellor representación do evento a través das fotografías tomadas nas anteriores edicións da celebración, na segunda edición do concurso ‘O Jato nas Redes’, organizado pola Asociación Rúa dos Viños e a Asociación Ollares de Portonovo, coa colaboración do Concello de Sanxenxo.

Nos últimos días xa foron moitos os veciños e veciñas que enviaron as súas propostas, que dende a Rúa dos Viños publicarán nas súas redes sociais oficiais ata o vindeiro 18 de febreiro. Haberá dous premios a repartir entre as dúas candidaturas gañadoras, que consistirán nun primeiro premio canxeable por un curso presencial de fotografía da man de Ollares de Portonovo e un segundo premio que consistirá nunha cea para dúas persoas nun local da Asociación Rúa dos Viños. O xurado estará constituido por membros de ambas asociacións, que entregarán os premios o día 25 de febreiro, no marco da celebración da Festa do Jato, na Plazoleta de Compostela, previa publicación nas redes sociais o día 22.

Cada participante pode enviar un máximo de tres fotos a través de [email protected] xunto co nome, idade, teléfono de contacto e título da fotografía.

EXPOSICIÓN. As fotografías presentadas exporanse durante a celebración da festa, ademais de ter presenza nas redes sociais, a través do hashtag #OJatonasRedes23. O único requisito para participar é que as imaxes foran tomadas nunha edición anterior da celebración, e que a súa temática sexa a propia da festa. O xurado valorará a parte técnica das imaxes, pero tamén a artística, os disfraces, a maquillaxe dos seus protagonistas e o ambiente que desprendan as instantáneas. Tan só deberán cumprir uns requisitos técnicos mínimos para a súa publicación en diversos soportes e, sobre todo, enxalzar a festa portonovesa por excelencia.