O punk rock procedente de Sanxenxo: The Speedbombs

▶ O grupo local, que se describe a sí mesmo como "ecléctico", lanzou o seu disco no 2019, pero este verán foi cando "realmente se estreou"
Os integrantes do grupo The Speedbombs. DS
photo_camera Os integrantes do grupo The Speedbombs. DS

Marqui, Albi, Pablo, Chino e Fer son os integrantes The Speedbombs. Cada un coa súa experiencia previa e proxectos propios combinan a súa vida laboral, noutros sectores, cos ensaios do grupo. "A finais de xuño foi o noso último bolo", explica Jorge García ou, máis ben coñecido como Chino. O vocalista deste grupo punk rock conta o difícil que é manter un grupo musical coas obrigras propias da vida adulta. "Agora mesmo, quen máis e quen menos, está traballando noutras cousas e acordar para ensaiar é un proceso complicado". 

O grupo sanxenxino, rematou e lanzou o seu disco no 2019. "Foi xusto antes do confinamento pola pandemia da covid-19, co cal foi bastante complicado dar a coñecer o noso traballo", indica o vocalista da agrupación punk rockeira, que goza de ter o mesmo nome no seu álbum, que lles outorga identidade: Speedbombs. "Non foi ata este verán que realmente se estreou para a xente de forma máis oficial. A patir dos concertos que temos oportunidade de tocar sentimos que nos damos máis a coñecer", conta Chino, ademais de engadir que terán o seu próximo bolo en outubro na Salason en Cangas. "Ata entón estamos en barbeito", indica García, que conta que os proxectos de futuro non paran e teñen como obxectivos próximos poder tocar fora de Galicia e "alá onde poidan darlles unha oportunidade". 

NOVO DISCO. O traballo lanzado no 2019 conta con doce temas que relatan historias "diversas, e nos que somos moi eclécticos en cada un deles, polo que é moi complicado definir nun só termo", indica o vocalista que, a pesar de estar dando a coñecer o primeiro álbum desta formación con experiencia de moitos anos noutros grupos coñecidos como Lobishome, xa están inspirados producindo o próximo traballo.