O PSOE de Sanxenxo facilita un autobús para a manifestación da Sanidade en Compostela

As persoas interesadas en desprazarse desde Sanxenxo a Santiago de Compostela o vindeiro 12 de febreiro deben poñerse en contacto co grupo socialista
A voceira do PSdeG-PSOE de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza. DAVID FREIRE
photo_camera A voceira do PSdeG-PSOE de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza. DAVID FREIRE

O grupo do PSdeG-PSOE de Sanxenxo porá a disposición da veciñanza un autobús para asistir á manifestación pola Sanidade, que terá lugar o vindeiro 12 de febreiro en Santiago de Compostela.

Os socialistas emprenden esta acción despois de que a plataforma SOS Sanidade Sanxenxo solicitara recursos de desprazamento ao Goberno local sen éxito e critica o seu "silencio" ao respecto da manifestación. Dende o grupo socialista aseguraron que o autobús está dispoñible "para todas as persoas con indiferenza da súa cor política e que teñan a intención de manifestarse en favor da Sanidade pública". Neste sentido, a voceira do PSdeG-PSOE, Ainhoa Fervenza, criticou ao Goberno local asegurando que "non me sorprende a postura do alcalde Telmo Martín, porque xa demostrou moitísimas veces o pouco que lle importa a sanidade pública", manifestou.

Para Fervenza, "o interese do PP é favorecer a sanidade privada. O que leva facendo xa bastantes anos o PP en Galicia é desmantelar por completo á Sanidade pública para que teñamos que vernos na obriga de deixar o diñeiro na sanidade privada", afeou.

A agrupación socialista sanxenxina quixo animar a todas as persoas do entorno do municipio que queiran desprazarse á manifestación a poñerse en contacto co grupo a través do teléfono de contacto 608 829 758 para reservar praza no autobús. Este atoparase estacionado o día 12 de febreiro fronte ao PAC de Baltar para saír cara Santiago de Compostela ás 11.00 horas, e emprenderá a viaxe de regreso unha vez rematada a manifestación.